Iago Pozo, investigador da nosa Escola, vén de ser galardoado co premio ao mellor artigo da conferencia Metro Archaeo 2024 sobre Metroloxía para a Arqueoloxía e o Patrimonio Cultural, celebrado en A Valeta (Malta) entre o 7 e o 9 de outubro.
O traballo, titulado Monitoring of termal and colorimetric changes in outdoor exposed PVA and alkyd paints: influence of environment, paint composition and wall orientation é froito da colaboración dun equipo de investigadores e investigadoras de dous grupos do noso centro: Iago Pozo e Teresa Rivas do grupo GESSMIN, e Raquel Pérez, Moisés Cordeiro, Javier López e Pablo Eguía do grupo GTE. Neste traballo preséntanse os primeiros resultados dun proxecto de maior envergadura, o proxecto SmArt, gañador da convocatoria CINTECX Challenge 2024 que promove a colaboración entre grupos deste centro de investigación.
O obxectivo do proxecto no que se basea o artigo de Iago Pozo é o desenvolvemento dun sistema de simulación para a conservación sostible do muralismo contemporáneo. Céntrase na creación dun modelo de Machine Learning (ML) que poida predicir os efectos que a temperatura, a radiación solar e outros parámetros atmosféricos teñen sobre o deterioro dos muráis a nivel colorimétrico. Deste xeito, ábrese a posibilidade de tomar decisións sobre a selección do muro (ubicación, pinturas, protectores etc.) e as estratexias de mantemento, contribuíndo á optimización de recursos para a conservación preventiva deste tipo de obras de arte urbana.