80 alumnos e alumnas de 4º de ESO, 1º e 2º de Bacharelato de dez centros da provincia de Pontevedra mídense este mércores na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía na fase territorial da XV Olimpíada de Xeoloxía. O centro da Universidade de Vigo acolle ao longo do día de hoxe as probas teóricas e prácticas das que sairán as e os gañadores provinciais que representarán a Galicia na fase final que terá lugar o vindeiro 13 de abril en Zamora. O resto de probas da fase territorial en Galicia realízanse nas Facultades de Bioloxía (USC), Xeoparque das Montañas do Courel e o Xeoparque do Cabo Ortegal e cóntase tamén coa colaboración da Facultade de Ciencias (UDC).
Poñer a xeoloxía no mapa
A XV Olimpíada de Xeoloxía está organizada pola Asociación Española para la Enseñanza da Ciencias de la Tierra, co apoio da Sociedade Española de Xeoloxía e o Colexio Oficial de Xeólogos e a colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. O obxectivo é fomentar o interese polos contidos propios da xeoloxía e do conxunto das ciencias da terra e animar o estudantado participante a comezar estudos universitarios relacionados con este eido. Ademais, este tipo de eventos permite “destacar a importancia dos coñecementos en xeoloxía tanto para a preservación do medio natural, como para a xestión racional dos recursos e para a adopción de medidas ante impactos e riscos xeolóxicos, como quedou claro no caso da erupción en Cumbre Vieja…”, como destaca a directora da EE de Minas e Enerxía, Elena Alonso.
Precisamente, Alonso xunto con Raquel P. Orozco, subdirectora de Divulgación científica e Captación, foron as encargadas de darlles a benvida á escola a todos os participantes, 80 alumnos e alumnas procedentes dos IES Primeiro de Marzo, IES Plurilingüe Terra de Turonio, IES de Soutomaior, IES Salvaterra do Minho, IES Ribeira do Louro, IES Politécnico de Vigo, IES de Teis, IES de Beade, CPI Cova Terreña e IES San Paio de Tui.
Tras a recepción, desprazáronse ao monte de A Guía, onde tivo lugar a proba práctica, unha xincana xeolóxica. Xa despois do xantar a parte teórica do exame ten desenvólvese nas instalacións da escola. A xornada finaliza coa publicación de resultados e a entrega de premios e diplomas, que ten lugar ás 18.00 horas. As e os gañadores clasifícanse para a fase española, na que se medirán ao resto de vencedores das fases territoriais. Na proba nacional elixiranse os membros da selección que competirá na fase internacional a finais do verán.
Actividades paralelas de carácter lúdico e formativo
En paralelo á realización das probas da olimpíada, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enxería organizou para este grupo de rapaces e rapazas unha serie de actividades guiadas sobre diferentes ámbitos nos que o coñecemento da xeoloxía é un recurso necesario. Acompañados por persoal docente e investigador do centro participaron nun taller de fabricación de pinturas, no que puideron coñecer como os minerais son testemuñas da Historia e noutro sobre o uso da intelixencia artificial para o recoñecemento de minerais.
Ler a noticia completa no DUVI