O catedrático da Universidade de Vigo José Benito Vázquez Dorrío, docente da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía, acaba de ser recoñecido co Premio Ensinanza e Divulgación da Física da Real Sociedad Española de Física e a Fundación BBVA “polas súas excelentes contribucións á ensinanza e divulgación da física e, en particular, da óptica aplicada”, así como por contar cunha traxectoria que “revela unha extraordinaria paixón pola docencia a través de experimentos na aula”, tal e como explica o xurado no seu fallo, onde tamén se destaca a súa “participación activa en numerosas actividades educativas e divulgativas en todos os ámbitos da ensinanza”. A maiores, engade tamén que a calidade do seu labor formativo a nivel universitario “é sobresaínte, especialmente no desenvolvemento de metodoloxías innovadoras para o profesorado”.
Consciente de que se trata duns galardóns moi competitivos, para o docente vigués este premio “é unha honra e un recoñecemento que provoca en min e, creo que en moita outra xente, ledicia e estímulo”. Ao mesmo tempo apunta que o premio visibiliza os importantes labores formativos e de transferencia científica que se realizan en xeral na Universidade, tarefas “esenciais, únicas, singulares, fundamentais” e, por suposto, relacionadas directamente coas tarefas de investigación. “É importante tamén dicir que gran parte do traballo que agora se recoñece realizouse na Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía, un centro que desde hai moito tempo é un exemplo e referencia do excelente labor formativo que realiza o seu profesorado e da difusión de calidade da súa investigación e a súa transferencia industrial cara a sociedade”, explica o docente e investigador.
Director da Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía desde 2013 a 2016, así como subdirector nos seis anos previos, Vázquez Dorrío mantén unha liña de innovación educativa no eido da ensinanza experimental da ciencia desde 1991, o que, entre outras moitas actividades, supuxo a posta en marcha de 10 proxectos de innovación/transferencia científica. Responsable do Grupo de Innovación Docente de Aprendizaxe Manipulativo da Física, exerce tamén como vicepresidente da Asociación Hands-on Science e como embaixador para España de Scientix, a principal comunidade para a ensinanza das ciencias en Europa.