Tras cinco meses de traballo, este mércores chegou a hora de presentar os resultados dos experimentos realizados ao abeiro do proxecto A Caixa Sostible. Esta iniciativa, impulsada por un grupo de once docentes da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, xurdiu como unha proposta divulgativa para traballar co alumnado dos institutos a través dunha serie de caixas nas que se incluía información e material para realizar cinco experimentos relacionados coa sostibilidade. O obxectivo era dobre: por unha banda, fomentar as vocacións científico-técnicas no ámbito educativo preuniversitario e, por outra, poñer o foco na conciencia ecolóxica. A proposta foi todo un éxito, coa implicación de 40 institutos de toda Galicia e a participación de 830 estudantes e 80 docentes.
Na xornada de peche celebrada hoxe no campus, á que asistiron 130 mozos e mozas de dez dos institutos implicados, fíxose unha posta en común das conclusións obtidas en cada unha das cinco actividades que abordaron temáticas como a pegada de carbono, a eficiencia enerxética, a eficiencia luminosa, a calidade da auga e o patrimonio xeolóxico. Ademais, todos os centros implicados enviaron cadanseu póster explicativo co traballo realizado, que se expuxo no terceiro andar do edificio Ernestina Otero.
A encargada de dar a benvida en nome do equipo de goberno da UVigo foi Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, quen agradeceu tanto ao alumnado e o profesorado implicado como á EE de Minas e Enerxía o ter posto en marcha esta iniciativa “que agardamos que lembredes” e que sirva para que “como cidadáns, aprendades e vos concienciedes para intentar facer deste planeta un lugar máis sostible”.
En representación do equipo impulsor do proxecto interveu o seu coordinador, o profesor da EE de Minas e Enerxía Santiago Pozo, que reiterou o agradecemento pola implicación de alumnado e profesorado e amosouse moi satisfeito pola boa acollida, “xa que por moito que nós propoñamos actividades de divulgación, se non hai ninguén ao outro lado, non poderían saír adiante”. De feito, explicou, a acollida que tivo A Caixa Sostible foi tan boa que quedaron institutos en lista de agarda para próximas edicións. “Isto para nós é un orgullo e demostra a implicación da sociedade e a mocidade galega en traballar en temas relacionados coa sostibilidade”.
Ao acto tamén asistir Elena Alonso, directora da EE de Minas e Enerxía, que fixo fincapé nos sinais de identidade dunha escola “que forma especialistas en enxeñaría de materiais, en enxeñaría de minas e en enxeñaría de enerxía”. A responsable do centro puxo o foco na importancia de realizar actividades de divulgación científica coma esta, sobre todo relacionadas coa sostibilidade e tamén lles explicou aos mozos e mozas a complexidade do momento actual, no que “un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible é que todas as persoas teñan acceso a enerxía, pero tal e como se xera e consume esa enerxía, supón a emisión do 73% dos gases de efecto invernadoiro, con todas as consecuencias que ten sobre o clima”. Precisamente, é nese contexto de “descarbonización e transición enerxética” no que desenvolven o seu traballo os profesionais que se forman na EEME da UVigo, lembrou.
Presentación de resultados e gañadores
Tras o acto de apertura tomaron a palabra as e os investigadores que estiveron a cargo de cada unha das actividades incluídas na caixa, que presentaron un resumo dos resultados enviados por cada un dos centros e tamén anunciaron os centros premiados en cada sección por ter presentado os mellores resultados. En concreto, os docentes da EEME implicados foron Raquel Pérez Orozco, que coordinou os experimentos relacionados coa pegada de carbono; Pablo Eguía Oller, os de eficiencia enerxética; Benito Vázquez Dorrío, os de eficiencia luminosa; Francisco Deive Herva, calidade das augas e Teresa Rivas Brea, patrimonio xeolóxico.
Tras a presentación dos resultados dos experimentos, os estudantes dos dez institutos que acudiron ao evento desprazáronse á Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía. Alí, divididos en cinco grupo realizaron tres actividades simultáneas nas aulas, laboratorios e corredores do centro sobre diversas temáticas como intelixencia artificial, creación de pinturas dende a prehistoria ata a idade moderna, combustión, materiais intelixentes e termografía.
Un incremento de coñecementos do 30%
Para testar a utilidade deste proxecto, como explicaba esta mañá o se coordinador, Santiago Pozo, realizáronse unha serie de enquisas previas e posteriores que permitiron avaliar a aprendizaxe do alumnado participante en aspectos relacionados coa sostibilidade. “Estamos moi satisfeitos porque incrementastes un 30% os vosos coñecementos relacionados co efecto invernadoiro, os sumidoiros de carbono, a estanqueidade de edificios, eficiencia enerxética e luminosa, técnicas espectroscópicas, contaminación de augas, depuración, ou a relación entre o patrimonio xeolóxico e o desenvolvemento da economía”. A través destes cuestionarios, a organización tamén puido determinar que as actividades que máis gustaron foron precisamente as relacionadas con este último aspecto do patrimonio, xunto coas de avaliación de calidade das augas.
Tamén o profesorado participou nas enquisas, nas que recoñecía, de xeito xeral, que a participación na Caixa Sostible “lles permitiu ampliar os seus coñecemento sobre estes contidos, algo que nos deixa moi satisfeitos, porque para nós é importante contribuír con novas ferramentas que o profesorado poida empregar nas aulas”, recalcaba Pozo. Respecto da participación, dos 40 institutos implicados, o 37% eran da provincia da Coruña, outro 37% de Pontevedra, 19% de Lugo e 10% de Ourense. Atendendo aos niveis educativos, o 38% do alumnado cursa de 4º da ESO, o 27% é de 1º de Bacharelato, o 25% de 2º da ESO, sobre un 8% de 2º de Bacharelato e o restante é de 3º da ESO.
O proxecto contou coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología do Ministerio de Ciencia e Innovación e o cofinanciamento da EEME, do Consello Social da UVigo e do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste de España, así como co apoio de Enciga (Ensinantes de Ciencias de Galicia) e da plataforma Minería Sostible.