Mamá, quero ser científica!

Por segundo ano consecutivo, a praza do Berbés converteuse este venres no epicentro da divulgación científica. Co dobre obxectivo de fomentar entre as e os máis novos as vocacións científicas e tecnolóxicas e dar a coñecer á sociedade o traballo que desenvolve o seu persoal investigador, nomeadamente as mulleres, a Universidade de Vigo volveu sacar a ciencia á rúa nunha nova edición da expo-feira A ciencia que vén ten nome de muller. As actividades comezaron este mediodía cunha visita do alumnado de 5º e 6º de primaria do CEIP García Barbón de Vigo, na que uns 60 escolares puideron descubrir e experimentar procesos como a tecnoloxía química e medioambiental, a combustión e a enxeñaría inversa, da man de investigadoras e investigadores dos grupos Biosuv, CIMA e o de Tecnoloxía Enerxética de Cintecx. Xa pola tarde, mentres no planetario do Instituto Marítimo Pesquero del Atlántico, se desenvolvía unha visita guiada por parte de Adolfo García, capitán da Marina Mercante e profesor de Navegación do centro, nas carpas instaladas na praza do Berbés, o público asistente gozou, desafiando á chuvia, cos obradoiros e experimentos centrados en ámbitos como o medio ambiente, a saúde, a tecnoloxía ou o patrimonio, as liñas temáticas elixidas para a segunda edición do evento. Unha vez finalizadas as actividades que se desenvolvían en cada un dos postos, a xornada de divulgación científica rematou coa conferencia que a  investigadora en evolución do cancro do Cinbio da UVigo, Nair Varela Rouco, ofreceu no edificio Redeiras e na que realizou un percorrido por historias de mulleres relevantes no campo da investigación.

Na inauguración da feira o reitor da UVigo reivindicou o carácter universitario da cidade e o nivel acadado pola súa universidade en diversos ámbitos, como o da investigación, cunha especial referencia aos recoñecemento acadados recentemente por algunhas das súas investigadoras como Belén Riveiro ou Isabel Pastoriza. “Unha universidade moderna debe achegarse á sociedade e solucionar os seus problemas e mesmo ir por diante. Queremos formar, pero tamén crear riqueza e alumear un futuro mellor”, dixo Reigosa, que reivindicou a aposta da institución pola igualdade e a transparencia. “Creo que a cidadanía é consciente da nosa calidade”, afirmou o reitor, que manifestou o seu desexo de “facernos máis presentes no día a día”, dixo. Pola súa banda, o alcalde de Vigo destacou o papel vertebrador da UVigo na cidade e lembrou as dificultades que foi necesario sortear para creala. “O inicio non foi doado, pero unha vez que aparece, Vigo empeza a dar pasos de xigante”, dixo Caballero, que felicitou á UVigo polo que cualificou de “desembarco” coa feira que hoxe se celebrou no Berbés e a que mañá e pasado desenvolverá Cinbio na Porta do Sol.

Mentres, a presidenta da Deputación tamén destacou a importancia de que a UVigo se faga presenta na rúa para achegar o seu traballo á cidadanía, “traballo que responde aos retos da sociedade e un compromiso co cambio e a transformación”, dixo Carmela Silva. A presidenta da Deputación gabou o papel das mulleres investigadoras e innovadoras, agochadas no pasado, que “temos o reto de recuperar o coñecemento que nos deixaron e promover a igualdade en todos os ámbitos e crear referentes en investigación”. Pola súa banda, as vicerreitoras de Investigación, Belén Rubio, e de Comunicación, Mónica Valderrama, agradeceron o traballo desenvolvido polas e polos investigadores da UVigo e pola Unidade de Cultura Científica, permitindo á sociedade “tocar e experimentar o que se fai nos laboratorios”, dixo Valderrama. Rubio, pola súa parte, destacou a obriga das universidades de facer ciencia cidadá, “unha forma de abrir a ciencia á xente e que saiban para que e por que facemos investigación”, en definitiva, outra forma de transferencia , “saíndo á rúa”, sinalou a vicerreitora.

Unha decena de portas abertas a descubrir a ciencia e a tecnoloxía 

Na xornada matinal as e os escolares e pola tarde o público xeral tiveron ocasión, da man das e dos científicos dos centros de investigación CIM, Cintecx, atlanTTic e Cinbio da UVigo, de achegarse a os segredos do mar profundo, romper barreiras de comunicación coa IA, descubrir a enxeñaría inversa ou recoñecer minerais a través da visión artificial. Realidade virtual e realidade aumentada; Enxeñaría inversa; E ti quen es?; Visión artificial e minaría; Fahrenheit 751 e Biotecnoloxía, tecnoloxía química e medioambiental foron as denominacións elixidas por investigadoras e investigadores do Cintecx para amosar parte da súa actividade ao público que hoxe se achegou á praza do Berbés. Así, as e os asistentes puidieron visualizar a través de realidade virtual o castro de Santa Tegra, experimentar coa tecnoloxía holográfica e interactuar con elementos virtuais. Descubrir procesos asociados á remediación ambiental; desenvolver actividades interactivas relacionadas coa combustión, con especial atención en acadar unha combustión renovable e limpa; ou participar xogos cos que diferenciar por densidade, dureza e magnetismo distintos materias metálicos, plásticos, cerámicos e compostos, foron outras actividades propostas polos investigadores e investigadoras de Cintecx ao público que visitou hoxe a feira. 

Pola súa banda, A importancia das algas microscópicas mariñas; Os segredos do mar profundo e Relaciónate! foron as propostas que os grupos de Oceanografía Biolóxica, Bioloxía Ambiental e Ecoloxía Costeira do CIM desenvolveron na feira e coas que o público puido observar microalgas a través de microscopio, descubrir unha mostra da fauna máis representativa e sorprendente dos fondos mariños ou realizar experimentos para achegarse ao traballo que as e os investigadores realizan en ámbitos como a ecoloxía dos recursos marisqueiros o a ecotoxicoloxía. Mentres, as e os investigadores do Grupo Biomasa e Desenvolvemento Sostible do Cinbio amosaron as materias primas coas que traballan e os extractos que obteñen utilizando as distintas tecnoloxías, así como encapsulados de extractos bioactivos. Integrantes do Grupo NanoBioMateriais Funcionais, tamén o Cinbio, sintetizaron, de forma sinxela e segura, diferentes xeometrías e tamaños de nanopartículas metálicas de ouro e prata, que abarcan as cores dun arco da vella, ademais doutros experimentos combinando as nanopartículas sintetizadas coa técnica de reaccións.

A presentación de diversos proxectos do Grupo de Investigacion en Tecnoloxías Aeroespaciais de atlanTTic, e os postos da Unidade de Igualdade da UVigo, no que amosou, a través de xogos e material divulgativo o papel da muller na ciencia, e da Deputación de Pontevedra, completaron a oferta de expo-feira A ciencia que vén ten nome de muller.  
 

Ler a noticia completa no DUVI