Dirixido á comunidade universitaria e á cidadanía en xeral, o vindeiro martes día 7, véspera da celebración do Día internacional da muller, arranca unha nova edición do cinefórum (In)Visibilidade das Mulleres STEAM, unha das actividades organizadas desde a Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía para pór en valor os traballos que apostan por visibilizar as achegas de mulleres STEAM á evolución e desenvolvemento da sociedade. Co obxectivo de facilitar a asistencia ás proxeccións do conxunto da sociedade, a actividade, que este ano chega xa á súa terceira edición, levarase a cabo no salón de actos do museo Marco, na rúa do Príncipe, ás 18. 30 horas os martes 7 e 14 de marzo e 2 e 9 de maio.
Patrocinado pola Unidade de Igualdade, o ciclo inclúe a proxección de dúas películas e dous documentais. A primeira proxección será La costilla de Adan (George Cukor, 1949), un filme clásico protagonizado por Katharine Hepburn e Spencer Tracy, que relata as relacións persoais e o enfrontamento profesional dun matrimonio de xuristas e na que, en ton de comedia, se amosan moitos dos roles masculinos e femininos de aquela sociedade “e tal vez da actual”, tal e como recalcan desde a organización.
En cada unha das sesións contarase coa participación do director do ciclo, Alfonso Castaño, experto docente en cine, escritura de guións cinematográficos e linguaxe audiovisual, que se encargará de moderar o debate posterior, no que tamén se contará coa participación de investigadoras da escola.
Historias de mulleres que fixeron, e fan, fronte a estereotipos
A seguinte proxección, o 14 de marzo, será El círculo (James Ponsoldt, 2017), un filme no que se narra a historia dunha rapaza que se incorpora a unha gran empresa tecnolóxica o que supón unha moi boa oportunidade laboral. “Ese mundo idílico lévaa, sen moita reflexión, a converterse en parte dun experimento no que de cede os seus datos sen control”, explican no programa do ciclo.
Tras estas dúas primeiras proxeccións farase un parón ata o vindeiro mes de maio. Retomarase o día 2 co documental Rafea: solar mama (Mona Eldaief, Jehane Noujaim, 2012), no que se conta a historia dunha muller beduína, Rafea, e as súas compañeiras, que teñen a oportunidade de ser formadas nun programa do Barefoot College (India) nas ferramentas da enxeñaría que lles permitan levar a luz ás súas aldeas. A última sesión será o martes 9 de maio con Picture a scientist (Ian Cheney, Sharon Shattuck, 2020), no que se narran as dificultades que encontran as mulleres científicas ao longo da súa carreira. “O eixo central xira arredor da bióloga Nancy Hopkins, a química Raychelle Burks e a xeóloga Jane Willenbring que falan das súas experiencias”.