“Pola orixinalidade e o impacto das súas investigacións, que radican na combinación de diferentes disciplinas para dar solución a retos actuais da enxeñería estrutural”. A profesora da Universidade de Vigo Belén Riveiro, investigadora do Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas do Cintecx, recolleu este mércores en Alacante das mans das súas maxestades o rei Felipe VI e a raíña Letizia o Premio Nacional de Investigación para Jóvenes, Matilde Ucelay na área de enxeñaría e arquitectura.
Felipe VI foi o encargado xunto coa raíña Letizia de ir entregando cada un dos galardóns dos Premios Nacionais de Investigación 2022 nun acto que se celebrou na Casa Mediterráneo e no que tamén participou a ministra de Ciencia e Innovación Diana Morant, o ‘president’ da Generalitat, Ximo Puig, e o alcalde de Alacante, Luis Barcala. “Ante os novos retos, só se conseguirán avances se a evidencia científica guía a toma de decisións e fundamenta o deseño das políticas públicas”, recalcou a Súa Maxestade, quen puxo en valor o recoñecemento ás investigadoras e investigadores máis novos, ao tempo que pediu darlle a este talento mozo “todo o realce posible”. Ao tempo, aproveitou tamén a súa presenza neste acto para felicitar ás persoas premiadas -20 en total, dez na categoría de mozos e dez nos senior- por realizar “un traballo rigoroso e exhaustivo, por un labor comprometido e constante, cuxa finalidade é contribuír ao benestar colectivo, ao progreso social”.
“O premio recoñece a dedicación á carreira investigadora”
Investigadora do Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas do Cintecx, o Centro de investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, e profesora da Escola de Enxeñería Industrial, acreditada a catedrática desde 2021, os principais logros da carreira investigadora de Belén Riveiro (Cerdedo-Cotobade, 1983) están relacionados coa mellora da resiliencia das infraestruturas do transporte a eventos extremos, onde liderou diferentes proxectos competitivos, tanto de ámbito internacional como nacional, cun financiamento captado que supera os 5 millóns de euros.
“O premio recoñece a dedicación á carreira investigadora, recoñecemento que, por suposto, se estende ao labor dos meus compañeiros do grupo de investigación de Xeotecnoloxías Aplicadas”, explicaba Riveiro o pasado mes de outubro tras coñecer –a través dunha chamada da ministra Diana Morant- que era unha das gañadoras. “Ao mesmo tempo, sinto que un recoñecemento desta magnitude compensa en certa medida os esforzos persoais realizados para percorrer un camiño que non sempre é fácil”, apuntaba a investigadora premiada, quen admitiu que este galardón reforza a súa convicción de que “dende a Universidade de Vigo e dende Galicia pódese desenvolver investigación de excelencia a nivel internacional, pero hai que apostar pola investigación, con perseveranza e sen complexos”. Neste sentido apuntaba que tras a chamada da ministra tivo tamén a oportunidade de agradecerlle a Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, por presentar a súa candidatura a esta distinción.
Máis aló da materialización formal e da dotación económica asociada, Riveiro subliña que o premio leva implícito o recoñecemento da comunidade científica a nivel nacional que, “aínda que ten un valor que dificilmente se pode cuantificar, é o realmente importante”.
Un recoñecemento que visibiliza o éxito das mulleres STEAM
Esta foi a primeira edición dos Premios Nacionales de Investigación para Jóvenes, dirixidos a persoas de ata 40 anos e que distinguen o mérito de investigadores e investigadoras de España que alcanzaran “logros relevantes” nas primeiras etapas das súas carreiras. Tal e como lembrou a ministra Diana Morant na súa intervención todas as modalidades levan o nome de mulleres investigadoras ilustres de España, “para servir de referentes ás nenas, liberándoas de estereotipos de xénero que limiten os seus soños”. No caso dos premios da Área de Enxeñaría e Arquitectura, na que foi premiada Belén Riveiro, lémbrase a figura de Matilde Ucelay, en memoria de quen foi a primeira española en ingresar e titularse nunha escola de arquitectura e, anos máis tarde, Premio Nacional de Arquitectura.
Que sexa unha muller, neste caso Belén Riveiro, a persoa premiada na categoría de Enxeñaría e Arquitectura supón un novo paso na visibilización dos logros das profesionais que se dedican ao mundo STEAM (Science, Technology, Engineering, Arts and Maths), de maneira que o seu exemplo sirva tamén como inspiración ás alumnas que se están a formar, tanto nas aulas universitarias como no ensino medio.