Eu de maior quero ser profesora; eu de maior quero enfermeira; eu de maior quero ser avogada…. E, por que non un eu quero ser enxeñeira ou eu quero ser investigadora? Na elección dos estudos segue a persistir unha fenda de xénero e uns estereotipos que provocan que as mulleres apenas representen o 32% nas titulacións STEM, as relacionadas coa ciencia e a tecnoloxía, como sucede na Universidade de Vigo. Mentres, o xénero feminino ten maior presenza nas outras ramas do coñecemento, como artes e humanidades (73%), ciencias da saúde (78%) ou ciencias sociais e xurídicas (60%). Para reivindicar a presenza das mulleres como motores no mundo da ciencia celébrase o 11 de febreiro o Día internacional da muller e da nena na ciencia, unha efeméride á que a Universidade se suma coa organización de múltiples actividades tanto por parte das docentes e investigadoras dos diferentes centros como dende a Unidade de Cultura Científica e da Unidade de Igualdade.
Ao longo do día de hoxe, no campus de Vigo celebrouse a sétima edición do programa de obradoiros Elas Fan CienTec para mozas de institutos da contorna, así como a entrega dos premios do concurso para investigadoras do Centro de Investigacións Mariñas Marie Tharp. Na tarde de onte xoves tamén se celebrou unha charla interxeracional entre catro mulleres investigadoras da UVigo e, ao longo da primeira quincena deste mes, tamén se están a desenvolver unha serie de 73 charlas e actividades repartidas por 36 centros educativos de Galicia da man de 35 científicas da UVigo. O campus de Ourense, pola súa banda, tamén se suma á conmemoración desta data coa celebración da feira científica eXXperimenta en feminino este venres no centro da cidade e coa iniciativa Oracle4girls, que terá lugar mañá sábado na ES de Enxeñaría Informática.