Ao longo da mañá deste martes, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía acolleu unha delegación da ANECA (Agencia Nacional de Evaluación de la Calidad y Acreditación) e outra da ENAEE (European Network for Accreditation of Engineering Education). ENAEE é a entidade internacional encargada de autorizar ás axencias de acreditación e aseguramento da calidade a outorgar a etiqueta EUR-ACE (EURopean-ACcredited Engineer) aos programas de enxeñaría acreditados. Para que unha axencia sexa autorizada, esta debe cumprir cos estándares do documento EUR-ACE Framework Standards (EAFS).
Esta visita encádrase dentro do proceso internacional de avaliación da calidade ao que se está a someter a propia ANECA e, ao tempo, completa o proceso de avaliación da titulación do Mestrado de Enxeñaría de Minas e Enerxía que culminará coa recepción do informe de ANECA, previsiblemente ao longo deste mes de febreiro, co que o centro agarda obter o Selo Internacional de Calidade.