Conferencias, obradoiros, entrevistas rápidas, entrega de currículos… Dende hoxe martes e ata o xoves, o alumnado das tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo ten unha cita co seu futuro laboral no Foro Tecnolóxico de Emprego. Este evento, organizado “por e para o propio alumando”, acada a súa vixésimo terceira edición, converténdose nun clásico do calendario universitario que pretende tender pontes entre o mundo académico e o laboral. En total, 34 empresas e institucións están implicadas nesta proposta que, a través de postos informativos instalados no recibidor da EE de Minas e Enerxía establecen un diálogo directo do alumnado, que pode coñecer as necesidades e demandas do tecido empresarial, entregar os seus currículos e axilizar, no mellor dos casos, unha posible vía de contratación. Paralelamente, tanto a EE Industrial, como a de Minas e Enerxía e a de Telecomunicación acollen conferencias e presentacións técnicas sobre temas de interese escollidos polo alumnado a través de enquisas previas, e tamén talleres que permitirán visibilizar e potenciar as súas aptitudes e desenvolver as súas competencias.
Esta primeira xornada do foro arrancou con presentacións de empresas como Indra, GBTEC Software, Accenture, Seresco e Borgwarner que deron paso ao acto oficial de inauguración, no que participaron o vicerreitor de Planificación e Sustentabilidade da Universidade de Vigo, José Luis Míguez, xunto con David Regades, delegado do Estado na Zona Franca; as concelleiras Elena Espinosa e Ana Mejías; Elena Alonso, directora da EE de Minas e Enerxía; Mohamed Boutinguiza, subdirector da EE Industrial; e Rebeca Díaz, directora da EE de Telecomunicación.
O vicerreitor José Luis Míguez trasladou a felicitación da Universidade a todo o equipo organizador, representado no acto pola coordinadora, María Purriños, e a “todas as mulleres que gañan peso neste evento” edición tras edición. Tamén destacou que “talento chama a talento e, posiblemente, algúns dos que hoxe deixades os vosos currículos en futuras edicións acudiredes ao foro en representación das empresas buscando máis talento”. Tanto o vicerreitor como David Regades e Elena Espinosa, que interveu en representación do Concello, coincidiron en salientar a importancia da interrelación entre o público e o privado, entre as empresas e as administracións públicas, unha cooperación que se plasma tanto neste foro como noutras iniciativas nas que a UVigo participa xunto coa Zona Franca e o tecido empresarial, como o a futura fábrica de semicondutores fotónicos ou o primeiro proxecto de hidróxeno en Galicia. “Estes son exemplos de todo o talento que temos na Universidade de Vigo, e tedes que crérvolo”.
No transcurso do acto, os tres representantes das escolas de enxeñaría do campus puxeron en valor o traballo conxunto e a ilusión do alumnado dos tres centros para sacar adiante un evento que arrancou en 2001 e que está a piques de acadar un cuarto de século. A directora da EET recoñeceu o esforzo de todos eles para, “nada máis rematar unha edición, comezar xa a preparar a seguinte”, involucrándose en facetas que transcenden a súa formación, como buscar financiamento, organizando o protocolo ou artellando a publicidade. “Isto demostra que temos moita sorte con este alumnado, ao que formamos con interese e con gusto”. Neste sentido, o subdirector da EEI tamén incidiu na importancia de eventos “coma este, que tenden pontes entre o mundo académico e o laboral, algo de especial valor se ademais están organizados, coma neste caso, polos propios estudantes”. Precisamente, sobre a inserción laboral, Elena Alonso, directora do centro anfitrión, aproveitou a súa intervención para lembrar que “os últimos informes de entidades internacionais, como a Organización Mundial do Traballo ou o Foro Económico Mundial, apuntan que os sectores nos que vai haber máis posibilidades de emprego no futuro son os tres eidos que formamos nas nosas tres escolas, en particular, no eido das TIC, enxeñaría e automática e as enerxías renovables”. A directora da EEME tamén reivindicou, ás portas do 8 de marzo, “a necesidade de que se incorporen mulleres aos estudos de enxeñaría e ao mercado laboral nestes eidos e visibilizar o seu papel nestes campos para incentivar vocacións”.
A edición con máis empresas interesadas en participar
Detrás deste evento hai un grupo de algo máis de 20 estudantes das tres escolas de enxeñaría do campus vigués que, ao longo dos últimos meses, traballou arreo para converter o programa nunha realidade. A coordinadora deste equipo, María Purriños, aproveitou a súa intervención no acto inaugural para agradecer a todos os seus compañeiros o esforzo realizado e a todas as empresas a súa colaboración, así como á Universidade de Vigo e ás tres escolas de enxeñaría polo seu apoio. Avanzou tamén que este ano “batemos o récord de interese por parte das empresas para participar neste evento e, aínda que non puidemos dar cabida a todas, estamos moi agradecidos pola súa confianza”.
Entre as principais novidades desta edición está a posibilidade de subir os currículos á plataforma Beamian, unha opción que se retoma da edición de 2020, ou a presenza dun posto informativo da Área de Emprego, no que o alumnado pode revisar os seus CV e facer melloras antes de envialos e onde tamén hai un fotógrafo para que aqueles que o desexen poidan tomar unha foto profesional para os seus perfís de Linkedin ou para o CV. Por outra banda, para incentivar a participación do alumnado nas actividades do foro, tamén se realizan sorteos, que inclúen dende un iPad ata patinetes eléctricos.
Estudantes que buscan oportunidades…
Desde primeira hora foron moitos os alumnos e alumnas que se achegaron aos postos das empresas, entre eles, Diego Mejuto e Irina Collazo, estudantes da Escola de Enxeñería Industrial. “Buscamos sobre todo información, achegarnos ao ámbito laboral e saber que posibilidades teremos no futuro”, explica Collazo, alumna de 2º curso de Enxeñaría Biomédica. “No meu caso busco tamén ideas de proxectos, ver que tipo de traballos teñen en marcha as empresas e comezar a orientarme no mundo laboral”, salienta Mejuto, estudante tamén de 2º curso, neste caso en Enxeñaría Mecánica, quen se amosou moi positivo co seu futuro laboral. “Penso que teño moitas opcións e que, ademais, son bastante polivalentes”, recalcou o alumno. Ao seu carón, Irina Collazo amosábase chea de expectativas. “No meu caso as empresas que participan no foro non teñen moita oferta para Enxeñaría Biomédica, unha titulación aínda moi nova, pero con moito futuro”, recalcou a alumna.
… e empresas que precisan talento tecnolóxico
Ilusión por parte do alumnado que busca no foro achegarse ao mercado laboral e ilusión tamén nas empresas que acoden ao encontro buscando, sobre todo, novos talentos. Entre estas empresas está Centum research & technology, unha firma con sede en Citexvi que se dedica ao deseño e desenvolvemento de sistemas de misión para emerxencias, seguridade, defensa e aeroespacial. Desprazáronse ata o foro a responsable de Marketing, Olaia Varela, e Pablo Francisco, do Departamento de Recursos Humanos. “Queremos que os estudantes poidan coñecer o que facemos e como o facemos, xa que somos unha empresa que emprega tecnoloxía moi punteira e que traballa sobre todo con clientes internacionais”, recalcou Francisco, que se amosou convencido de atopar neste encontro “persoas que poidan estar interesadas neste proxecto, talento que se una a nós e poida achegar o seu coñecemento nos diferentes produtos cos que estamos a traballar”.
As firmas que participan no foro buscan, sobre todo, talento tecnolóxico, en todas as áreas. “No noso caso queremos persoas que se sintan atraídas polo noso proxecto”, recalcou Francisco, ao que engadiu que, a priori, lles interesan todo tipo de perfís relacionados co mundo da enxeñaría, sobre todo industrial e telecomunicación. Nesta liña, a súa compañeira Olaia Varela fixo fincapé na importancia deste tipo de encontros que conectan o mundo académico e o laboral. “Cando estás a estudar céntraste máis en adquirir coñecementos teóricos e non sempre hai este tipo de oportunidades que te permiten coñecer as empresas máis de preto e ir vendo que é o máis che gusta”, recalcou Varela, graduada en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo.