Italia, Francia, México e Alemaña son os principais países de procedencia dos 278 estudantes internacionais que completan a súa formación nas aulas da Universidade de Vigo no segundo cuadrimestre. Boa parte deles participaron este martes nun acto de benvida que lles ofreceu a institución académica na Facultade de Filoloxía e Tradución e no que recibiron información de utilidade sobre os servizos que lles ofrece a UVigo e as actividades que poden realizar durante a súa estadía.
No acto deste martes, que se replicará mañá mércores en Ourense e o xoves en Pontevedra, a vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, foi a encargada de saudar ás e aos novos alumnos e alumnas, acompañada por representantes da Oficina de Relacións Internacionais e da asociación Erasmus Student Network (ESN-Vigo), que presentaron a súa iniciativa de acompañamento e acollida para o alumnado internacional, o Buddy Program. Ademais, nesta xornada de benvida tamén puideron realizar un test de nivel para acceder ao curso de español que organiza o Centro de Linguas. A vicerreitora deulles as grazas por escoller a Universidade de Vigo e animounos a aproveitar ao máximo esta experiencia, tanto dende o punto de vista académico como persoal. “Non vos quededes na casa”, recalcaba, convidándoos a coñecer a cidade e contorna, as linguas, tanto español como galego, e a achegarse á cultura, á historia ou á música da súa terra de acollida.