Dar visibilidade e pór en valor a actividade profesional das mulleres no ámbito da Enxeñaría de Minas, Enerxía e Materiais a partir das experiencias persoais de seis profesionais de moi distintos perfís. Con este obxectivo este venres celebrouse na Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía a segunda edición dunha xornada coa que o centro quere “fixarse na situación actual da muller na profesión, na necesidade de darlle visibilidade e na importancia de incorporar plans de igualdade no ámbito da profesión”, tal e como explicou no arranque da xornada a profesora Generosa Fernández, enlace de Igualdade, quen tamén fixo fincapé en que non se trata dunha “xornada de mulleres”, senón dunha xornada de orientación profesional para todos “na que amosar a diversidade de empregos aos que se pode optar cunha formación inicial dos estudos que se imparten nesta escola”.
Da presentación das xornadas encargouse a directora do centro, Elena Alonso, quen insistiu na idea de que con esta actividade a escola trata de achegar a realidade da profesión a través da testemuña de seis persoas que traballan en diferentes ámbitos. “Trátase de coñecer a través das súas intervencións e das súas experiencias distintos puntos de vista da realidade actual da profesión, e facelo con matices e detalles”, recalcou Alonso.