Tras ser aprobado por asentimento no Consello de Goberno celebrado este mediodía, a UVigo aplicará desde hoxe un Plan de medidas urxentes de aforro enerxético co obxectivo de acadar unha redución de entre un 25 e un 30% do consumo enerxético actual. A xestión da calefacción e a climatización dos edificios, a prohibición do uso de dispositivos de calefacción individuais eléctricos, o apagado de equipos cando non se utilicen e o axuste da iluminación interior e exterior, son as principais medidas de aforro enerxético contempladas no Plan de medidas urxentes, que precede, a partir do vindeiro curso 2023/2024, e logo de debater e acadar os acordos precisos no seo da comunidade universitaria, á aplicación de medidas estruturais, como serán a planificación xeral da actividade universitaria entre as 8.00 e as 18.00 horas ou a centralización en menos edificios das actividades que se prestan en fins de semana ou días non lectivos. “Son medidas boas con independencia do prezo da enerxía, porque non podemos desperdiciala e temos que dar exemplo”, dixo o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, que avanzou que as medidas destinadas reducir o consumo enerxético “viñeron para quedarse”.
A presentación das accións incluídas no Plan de medidas urxentes de aforro enerxético, así como das accións estruturais que o equipo de Goberno da UVigo prevé implantar no vindeiro curso, centraron a sesión ordinaria que o Consello celebrou este mércores e na que con 37 votos en contra, un a favor e un en branco, se acordou rexeitar a tramitación da modificación do título de Grao en publicidade e relacións públicas. A decisión do decanato da Facultade de Comunicación, logo do aprazamento da votación deste punto no Consello de Goberno do pasado xullo na procura dun acordo, de manter a eliminación no novo plan de estudos das materias de lingua española, galega e socioloxía, concluíu hoxe co rexeitamento maioritario do órgano de goberno da UVigo a aprobar a tramitación da modificación do grao proposta polo decanato do centro do campus de Pontevedra.