Premios que fan canteira. A Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía convoca cada ano diferentes concursos, algúns abertos ao conxunto da sociedade, outros pensados especificamente para o alumnado de ensino non universitario, unha porta aberta para que as mozas e mozos que agora están no instituto coñezan as titulacións que se imparten neste centro e tomen conciencia, dun xeito diferente, da importancia da explotación sostible dos recursos minerais e enerxéticos.
Os últimos en pasar pola escola para recoller os seus premios son un grupo de alumnas e alumnos de 4ª da ESO e 1º de bacharelato do IES Luis Seoane de Pontevedra, gañadores da edición 2022 dos concursos Enerxiza.Rme e Escava.Rme. Chegaron á escola acompañados polo profesor Antonio Fernando Malvar, orgullosos, “e tamén nerviosos”, de amosar as maquetas nas que estiveron traballando todo o curso e coas que acaban de gañar ambos concursos. Recibíronnos a directora da escola, Elena Alonso, e o subdirector de Relacións Externas e Mobilidade, Santiago Pozo, quen, ademais de darlles os parabéns e as grazas por animarse a participar nestas iniciativas, os convidaron a seguir traballando neste tipo de temáticas. “A escola estará encantada de recibirvos si algún decidides a elixir algunha das nosas titulacións”, explicoulles o subdirector.