Seis novos centros da UVigo poden lucir xa o seu Distintivo de Igualdade, sumándose así á Facultade de Filoloxía e Tradución, que obtivo este recoñecemento na primeira edición da convocatoria, en 2021. Así se recolle na resolución reitoral que dá a coñecer as novas escolas, facultades e centros de investigación seleccionados na convocatoria de 2022 dunha iniciativa única en España.
Desta volta, no canto de escoller unha soa candidatura, como sucedera na convocatoria piloto, a Unidade de Igualdade mudou as bases para ampliar o recoñecemento a todos os centros que acreditasen un determinado nivel actividades, iniciativas e prácticas que teñan como obxectivo impulsar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes. Así, recibirán o Distintivo de Igualdade 2022 da Universidade de Vigo o CIM-Centro de Investigación Mariña, a Facultade de Educación e Traballo Social, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, o Cinbio-Centro de Investigacións Biomédicas e a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, quedando clasificados por esta orde segundo a puntuación do xurado.