O Foro Tecnolóxico de Emprego incrementa ata case medio cento a participación de empresas e asociacións

Tras unha edición totalmente virtual obrigados pola pandemia, o Foro Tecnolóxico de Emprego regresa este ano con máis folgos que nunca, a forza que lle dá ver como a participación de empresas e asociacións se incrementa este ano ata preto de medio cento de entidades. A cita, que acada xa a súa vixésimo segunda edición, será a vindeira semana, do 9 ao 11 de marzo, combinando, por primeira vez na súa historia, as actividades presenciais nas tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo e a retransmisión virtual, facilitando a participación de todas aquelas persoas que non poidan asistir presencialmente.

“A todo isto hai que sumar tamén outra novidade, pois este ano colaboran connosco as delegacións de estudantes das escolas de enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e Informática, de Ourense, e Enxeñaría Forestal, de Pontevedra”, explica a coordinadora xeral desta edición, Ivana Ogando, alumna de cuarto curso do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, na súa versión en inglés. É a principal cabeza visible dun equipo composto por 18 mozas e mozos estudantes das tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo: 12 da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, tres de Enxeñería Industrial e outros tres de Enxeñaría de Minas e da Enerxía.

Ler a nova completa no DUVI.