A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía reta o alumnado preuniversitario a crear un guindastre capaz de remover e cargar material

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (EEME), despois de entregar no mes de decembro os premios Enfoca_Rme e Curtametraxes enerxéticas, lanza, como cada ano, o seu concurso Excava_Rme 2022. O obxectivo principal é que o alumnado de 3º e 4º da ESO, Bacharelato e ciclos formativos, se achegue, como se recolle nas bases, a “un dos retos que leva preocupando á humanidade dende os seus comezos: o arranque, carga e transporte dos materiais para grandes proxectos como as pirámides de Exipto ou as grandes catedrais europeas”. Deste xeito, a EEME busca que as persoas que se presenten constrúan un equipo que sexa capaz de remover e pendurar materiais a través dun sistema de carga que estea fixo ou móbil.

En total, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía repartirá 450€ en vales entre as maquetas gañadoras que, ademáis de cumprir cos requisitos establecidos nas bases, sexan realizadas por equipos que poñan a proba o seu enxeño, creatividade e resiliencia á hora de fabricar un guindastre co que reforzarán os seus coñecementos en hidráulica, pneumática, circuítos e automática. O reto que se lle propón ao estudantado preuniversitario busca potenciar e visibilizar as profesións relacionadas co sector das explotacións mineiras así como o impacto medioambiental das mesmas. A inscrición no certame poderá realizarse ata o 30 de marzo do 2022, ás 20.00 horas. Así mesmo, é preciso que se achegue ao enderezo electrónico eme@uvigo.gal o formulario de inscrición dispoñible na sección do concurso da web da Escola de Minas e Enerxía.

Ler a nova completa no DUVI.