A Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía volve ser sede da Olimpíada Galega de Xeoloxía

Etiquetas

Medio cento de estudantes de oito institutos de ensino medio de Vigo e contorna están a participar este mércores na Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía na fase galega da XIII Olimpíada de Xeoloxía. Recibiunos a directora da escola, Elena Alonso, quen, ademais de darlles a benvida, os animou a orientar os seus estudos cara a titulacións universitarias relacionadas coa Xeoloxía. Nesta liña, explicoulles que dende a escola se prepararon para elas e eles toda unha serie de talleres e obradoiros prácticos que xiran arredor da materia que máis os apaixona: a xeoloxía e, en xeral, as Ciencias da Terra.

Procedentes dos institutos de ensino secundario A Paralaia, de Moaña; Ribeira do Louro, de Porriño; Primeiro de Marzo de Baiona; San Paio, de Tui, e os vigueses Casares, Beade e Teis, ao longo do día as alumnas e alumnos enfrontaranse a un exame teórico e a unha proba práctica por equipos, unha xincana xeolóxica. Ademais, en paralelo á realización destas probas, a escola deseñou toda unha serie de talleres e actividades didácticas sobre diferentes ámbitos nos que, ademais de divertirse, poderán comprobar de xeito directo que o coñecemento da Xeoloxía é un recurso necesario para levar a cabo infinidade de actividades. Impartidos por persoal docente vinculado á escola organizáronse para eles catro talleres: O fantástico mundo da xeotecnia, impartido polo investigador do grupo de Xestión segura e Sostible dos Recursos Minerais Manuel Alejandro González; Paleontoloxía 3D, a cargo dos investigadores Artai Santos e Iván Rodríguez, do grupo de Análise de Concas Sedimentarias; Intelixencia artificial aplicada á utilización sostible de recursos minerais, a cargo de Raquel Pérez e Jesús Rico, do Grupo de Tecnoloxía Enerxética; e, Termografía infravermella: visión infrarrovermella, unha nova forma de contemplar o mundo, do que se encargarán os investigadores do Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas Iván Garrido, Daniel Lamas e Pablo del Río.

Ler a nova completa no DUVI.