Na actualidade un dos problemas que máis preocupa á sociedade é o quecemento global e as súas consecuencias e, cumprindo cos obxectivos desenvoltos na Axenda 2030 da ONU e coa finalidade de sensibilizar sobre esta temática, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (EEME) da Universidade de Vigo proponlle aos alumnos e alumnas dos cursos de 3º e 4º da ESO, Bacharelato e ciclos formativos que se animen a construír unha maqueta dunha vivenda ou dunha planta enerxética nas que as súas instalacións sexan eficientes. Por iso, coa intención de que o futuro alumnado universitario se achegue ás enerxías renovables, a EEME lanza, como cada ano, o concurso Enerxiza_Rme, un certame no que se quere poñer a proba o enxeño e creatividade do estudantado mentres se reforzan os coñecementos de hidráulica, pneumática, circuítos e automática para crear unha maqueta interactiva.
De feito, como precisan dende a organización, un dos motivos polos que a escola promove este concurso é conseguir que “os estándares de aprendizaxe dos currículos se vexan reforzados”, xa que os alumnos poderán formar parte dun proxecto no que, ademais de interiorizar os contidos teóricos das diferentes materias, poderán aplicalos á realidade. É dicir, que poderán entender eses conceptos abstractos, que moitas veces son presentados nas aulas a través de exercicios teóricos, a partir dun proxecto tanxible, cunha aplicación real dos contidos previstos nas diferentes programacións.