A UVigo comeza a recuperar as cifras de alumnado estranxeiro previas á pandemia

Despois dun ano marcado pola pandemia, o número de estudantes estranxeiros que elixen a Universidade de Vigo para completar os seus estudos comeza a recuperarse e achégase, pouco a pouco, ás cifras previas á pandemia da covid-19. En total, son 277 alumnos e alumnas as que, a través de programas como Erasmus, ISEP ou convenios bilaterais, estarán nos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra ao longo de todo o curso (39) ou ben no primeiro cuadrimestre (238). Os que queiran elixir a UVigo como universidade de acollida no segundo cuadrimestre teñen ata o 15 de novembro para solicitalo nas súas universidades de orixe.

Ao longo destas primeiras semanas de curso, as escolas e facultades dos tres campus están a organizar os actos de recibimento ao alumnado de intercambio, xa que polas restricións anti-covid non é posible celebrar o tradicional acto de benvida que cada campus acollía a comezos do curso. A cifra total de 277 estudantes, fronte aos 118 do curso pasado, amosa que os programas de mobilidade internacional van recuperando o pulso e achegándose a cifras previas á pandemia, por exemplo, os 412 estudantes estranxeiros que comezaron o curso 2019-2020 na UVigo. A valoración da vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Maribel Doval é moi positiva, xa que “a falta de ter o cómputo total dos datos para o segundo cuadrimestre, as cifras do primeiro así como do curso completo permítennos ser optimistas. Semella que estamos no camiño de volver á situación pre-pandemia”. Entre as causas, a vicerreitora sinala que as mobilidades presenciais “non se pararon por parte da UVigo” en ningún momento, e este feito, xunto co “despregue das ferramentas de virtualización do ensino e uns protocolos anti-covid xa testados con demostrado éxito, fan que as universidades e os estudantes estranxeiros nos vexan como unha institución para a que a internacionalización dos seus estudos e a colaboración coas demais universidades é unha prioridade”.

Ler a nova completa no DUVI.