Minerxía, toda a actividade do curso da EE de Minas e Enerxía resumida nunha vintena de páxinas

Querían facer “algo novo, fresco e visual que permitise resumir todas as actividades que organizamos e tamén nas que participamos durante todo o curso académico”, e ese desexo, co traballo da dirección do centro, docentes e investigadores, materializouse en 20 páxinas e baixo o título de Minerxía. A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía estrea revista, “fundamentalmente en formato dixital, pero tamén imprimimos algúns exemplares para ter dispoñibles na Escola e enviar a institucións que colaboran con nós”, explica Santiago Pozo Antonio, subdirector e coordinador de Divulgación do centro, cun obxectivo claro: que a comunidade universitaria, pero tamén os centros educativos (colexios, IES e centros de formación profesional) e o público en xeral, coñezan as actividades que durante o curso se desenvolven na Escola.

Docencia, investigación, mobilidade, divulgación científica, cultura, deporte, formación académica extracurricular e igualdade, son as seccións nas que se distribúe a información en Minerxía, que tamén inclúe no seu primeiro número un apartado sobre a necesidade de profesionais dedicados ao mundo da enerxía e á xestión de recursos minerais, “para acadar unha sociedade aliñada cos obxectivos da Axenda 2030 e desta maneira garantir o acceso universal aos servizos dunha enerxía segura, sostible e moderna”, sinala Pozo.

Ler a nova completa no DUVI.