O mercado laboral vai demandar perfís fundamentalmente tecnolóxicos e estímase que, en menos de dous anos, o 45% dos empregos estarán relacionados coa contorna dixital. Pola contra, a presenza de mulleres neste tipo de titulacións decrece cada ano e, a pesar de representar o 54,8% do total do estudantado no sistema universitario español, supoñen só o 25% do alumnado das titulacións técnicas. Detrás da escasa presenza de mozas nestas carreiras hai múltiples motivos, entre eles a falta de referentes femininos, que é o que quere proporcionar o programa Inspira STEAM, unha iniciativa estatal capitaneada na provincia de Pontevedra pola Universidade de Vigo e a Deputación. Trátase de achegarse aos centros educativos para dar a coñecer entre o alumnado perfís de mulleres tecnólogas que inspiren vocacións en carreiras científicas e tecnolóxicas, principalmente entre as nenas.
Este mércores, a presidenta provincial, Carmela Silva e a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, presentaron a cuarta edición do programa e fixeron balance desta iniciativa dende que arrancou en Pontevedra en 2018. Neste tempo, Inspira STEAM chegou a preto de 1000 estudantes (497 nenas e 488 nenos) de 26 colexios da provincia da man de 76 mentoras. Dende hai dous anos, como explicaba a vicerreitora, a Deputación financia a iniciativa, “o que nos permite ir chegando cada vez a máis colexios e máis nenas”.