O enxeñeiro do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da UVigo Jesús Balado recibirá unha das dúas mencións honoríficas que a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) outorga dentro dos seus Premios de Investigación Ernesto Viétez correspondentes ao ano 2020. A mención honorífica ao investigador sénior outorgada a Balado, recoñece o desenvolvemento dun método para minimizar o uso de mostras en nubes de puntos para o adestramento de redes neuronais capaces de clasificar dixitalmente obxectos urbanos como bancos, colectores de lixo ou semáforos, cun 99,5% de precisión. Este galardón polos seus estudos centrados nas nubes de puntos súmase ao que Balado recibira o pasado mes de xullo, o Premio Abertis 2019 sobre Seguridad Vial pola súa tese de doutoramento na que investigou a creación de mapas de peóns xerados a partir de nubes de puntos para calcular rutas seguras para as e os viandantes.