A opción de calcular rutas para viandantes que ofrecen aplicacións, como por exemplo Google Maps, xeran itinerarios que na práctica non son viables para o seu uso por parte dos peóns, ao estar baseadas principalmente en mapas de estradas, o que se traduce, en que a ruta proposta transcorre por unha vía, que pode non ter beirarrúas aos lados ou cruzar por lugares que non son seguros. Non obstante, a partir do uso de nubes de puntos é posible clasificar os elementos do solo urbano: beirarrúas, escaleiras, ramplas, etc. e con esta información crear un mapa para calcular rutas reais e seguras para os viandantes, transitando por beirarrúas ou cruzando por pasos de peóns. Ademais coa información xeométrica da contorna, mesmo se pode comprobar se as zonas son accesibles e calcular rutas dependendo do perfil motriz das persoas, diferenciando traxectos para individuos con mobilidade reducida e os que non a teñen.