A XOU, Xornada de Orientación Universitaria, estaba prevista para o 15 de abril e tiña máis de 700 asistentes confirmados. Pero este escaparate da Universidade de Vigo para amosa ao seu potencial futuro alumnado a oferta académica vai ter que mudar de formato e adaptarse a unha realidade esencialmente virtual. A cita trasládase así para o 13 de maio e terá lugar a través de Campus Remoto, sendo unha das catro iniciativas postas en marcha pola Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria baixo o nome #ConectaCoaUVigo. Trátase dunha serie de accións específicas “para manter informado ao estudantado de secundaria e FP con respecto ás novidades que imos coñecendo da ABAU e matrícula, así como sobre a nosa oferta formativa e servizos”, como explica a vicerreitora Natalia Caparrini. Entre outras propostas haberá unha xornada de portas abertas virtual, un espazo de contacto cos equipos de orientacións dos institutos ou unha liña directa co SIE, Servizo de Información ao Estudantado.