A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e a súa Delegación de alumnado busca persoas dispostas a demostrar o seu potencial como oradoras na segunda edición do concurso de improvisación oral Eme_Pakuxa, unha iniciativa que lanzaron por primeira vez o curso pasado e que agardan se vaia consolidando e gañando adeptos. O obxectivo é axudar a mellorar a técnica das exposicións orais da comunidade universitaria, e a reposta foi xa nesa primeira edición moi positiva, contando coa participación de estudantes non só do centro organizador, senón tamén da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, de Bioloxía e de Ciencias do Mar, facultade de Andrea Noche, gañadora da primeira edición.
A cita será o vindeiro 1 de abril no vestíbulo da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía das 14.00 ás 15.00 horas e nela cada participante terá que amosar, diante dun xurado constituído por dous docentes da escola e dous estudantes, a súa capacidade de improvisación disertando durante 20 segundos sobre cada unha das 16 diapositivas que lles propoña a organización, tentando facelo de xeito coherente e orixinal. As persoas interesadas en participar deben enviar as súas inscricións a eme.delegacion@uvigo.es antes do 20 de marzo indicando o seu nome e o grao que cursan.
Ler a noticia completa no DUVI