Só un 2% das mulleres tituladas pola UVigo no ámbito da enxeñaría non detecta discriminación de xénero nos seus postos de traballo

Teresa Rivas durante a presentación do proxecto este mediodía na EE de Minas e Enerxía

Se a presenza das mulleres nas titulacións do ámbito das enxeñarías experimentou nos últimos anos un estancamento, cando non un retroceso, a súa situación unha vez incorporadas ao mercado laboral tampouco é doada para algunhas delas. Así o recoñece parte das egresadas nas titulacións que desde o ano 2005 se imparten nas escolas de Minas e Enerxía, Telecomunicación, Industriais e Forestais da Universidade de Vigo, agora incorporadas ao mercado laboral, e que participaron na enquisa do proxecto Rendemento académico e egreso das mulleres nos graos de enxeñaría da UVigo. No estudo, elaborado por persoal investigador da institución académica viguesa ao abeiro da Cátedra Feminismos 4.0, só un 2% das mulleres tituladas pola Universidade de Vigo en estudos do ámbito da enxeñaría confirmou que non detecta discriminación de xénero nos seus postos de traballo. Financiado pola institución académica viguesa e a Deputación de Pontevedra, o proxecto, que foi presentado hoxe na EE de Minas e Enerxía co gallo dos actos de celebración do Día Internacional da Muller, analiza, por unha banda, o ingreso, desenvolvemento dos estudos e egreso das estudantes de enxeñaría e, pola outra, a situación laboral das persoas egresadas, homes e mulleres, estudando tamén os datos dispoñibles doutras titulacións masculinizados, como o grao e mestrado en Enxeñaría Naval e Oceánica da Universidade de Coruña e, a efectos comparativos, as titulacións de ciencias da saúde da Universidade de Vigo, ao ser estudos moi feminizados.

Ler a noticia completa no DUVI