A Escola de Enxeñaría da Enerxía e de Minas celebra estes días a súa patroa, Santa Bárbara, e faino non só coa organización de múltiples actividades culturais, senón tamén con deporte e solidariedade. Este venres a mediodía foi a quenda nas instalacións deportivas do campus da súa xa tradicional carreira popular, unha cita na que participaron arredor de medio cento de persoas, tanto alumnas e alumnos do centro, como persoal docente e investigador e de administración e servizos, incluída a propia directora da escola, Elena Alonso.
Animados polo bo tempo, antes de comezar a carreira o alumnado da escola participou nunha procesión con gaiteiro e tamborileiro na que pasearon a Santa Barbie, unha maqueta adaptada para a ocasión polo propio estudantado e, unha vez iniciada a carreira, as e os participantes dérono todo nunha cita na que o que menos importaba eran os resultados deportivos, senón gozar do día e reunir entre todos un bo número de alimentos non perecedoiros que serán doados a comedores sociais de Vigo.
A xornada, organizada pola Delegación de Alumnado, rematou no pavillón universitario coa entrega de trofeos, incluídos os dos diferentes torneos deportivos que se disputaron onte xoves e que incluíron, entre outros, fútbol sala, baloncesto e voleibol.