Nove días en Londres, Boston e Nova York co programa ‘Movers by FUE’ que recoñece o mellor alumnado en prácticas

Viaxar a Londres, Boston e Nova York, visitando universidades e institucións académicas como Harvard, o Massachusetts Institute of Tecnology ou a London Business School; entidades como o New York City Council e sedes de grandes empresas como Morgan Stanley ou WeWork. Así discorreron nove días na vida de Alexandre Pérez Rodríguez, un vigués de 23 anos que acaba de graduarse na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo e que foi seleccionado entre case 2000 candidatas e candidatos para participar na 6ª edición do programa Movers by FUE da Fundación Universidad-Empresa. “Este programa é unha experiencia formativa en centros e universidades internacionais para aqueles estudantes en prácticas que destacan polo seu desempeño académico, profesional e persoal, levada a cabo pola Fundación Universidad-Empresa e a Asociación de Becarios de Excelencia Rafael del Pino”, explica Alexandre Pérez, que decidiu presentarse ao programa animado pola empresa Maviva SG, na que estaba a realizar prácticas e na que agora está a traballar como enxeñeiro técnico júnior de loxística e métodos.

Xunto a outros 14 mozas e mozos, de diferentes ámbitos académicos e profesionais, que foron seleccionados na sexta edición do programa, o titulado da Universidade de Vigo tivo ocasión durante nove días de coñecer e contactar con persoas que traballan nas organizacións e entidades que visitaron, así como de asistir a clases formativas nos diferentes centros. “A experiencia Movers by FUE proporcionoume un sexto sentido e fíxome sacar unha visión curiosa e inquieta do mundo, ademais lévome un extraordinario grupo de persoas que, sen dúbida, achegaranme motivación e talento durante toda a vida”, explica o graduado en Enxeñaría da Enerxía sobre a súa experiencia no programa.

Ler a noticia completa no DUVI