Todo listo para a celebración dun Foro Tecnolóxico de Emprego 100% virtual

O obxectivo segue a ser servir de nexo entre as empresas e o alumnado das escolas de enxeñaría

A estudante Laura Andrés encargouse este ano da coordinación xeral do foro

Xa está todo listo para a celebración a vindeira semana, do 3 ao 5 de marzo, da vixésimo primeira edición do Foro Tecnolóxico de Emprego, a primeira que se vai celebrar integramente de xeito virtual debido ás restricións sanitarias provocadas pola pandemia. Organizado por e para o alumnado das escolas de enxeñaría, trasladar todas as actividades do encontro ao formato virtual non foi doado, pero “serviunos para desenvolver en profundidade a nosa capacidade de adaptación aos cambios” explica Laura Andrés Hergueda, estudante do Máster en Enxeñaría de Minas e coordinadora xeral desta edición, quen aceptou o posto “sabedora do desafío que supuña organizar o noso primeiro foro virtual”. Xunto a ela o equipo organizador está composto por 14 estudantes das tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo –Minas e Enerxía, Industrial e Telecomunicación- e a colaboración dunha vintena de persoas colaboradoras dos tres centros.

Participarán nesta edición preto de 40 empresas, unha cifra moi similar a do ano pasado, que marcou un récord de participación con respecto a anteriores edicións. Mantéñense as firmas clásicas, as máis veteranas, entre as que salientan nomes como R, Deloitte, Repsol, Coca-Cola, Feuga, Imatia e Optare. E únense a este proxecto nomes como Emetel, especializada en proxectos de dixitalización de procesos de negocio e ciberseguridade, e KPMG, asesoría e consultaría. “Estamos moi orgullosas, pois por primeira vez contamos coa participación ao completo das popularmente coñecidas como Big Four, as catro firmas con maior volume de facturación no sector da consultaría”, explica a coordinadora xeral, para quen este é o seu cuarto ano na organización do evento, tras ser colaboradora, participar na coordinación de conferencias e na loxística. “O foro tenme acompañado en boa parte da miña traxectoria na Universidade de Vigo e tiven sorte de poder seguir achegando ao proxecto e de medrar xunto a el a nivel persoal, profesional e académico”, recalca a estudante.

Ler a nova completa no DUVI