Especialistas internacionais mapean a vulnerabilidade das principais infraestruturas europeas ante eventos extremos

Tamén definiron xa as metodoloxías para realizar a estimación do risco

Foto de familia das e dos participantes da xuntanza celebrada en Oslo
Foto de familia das e dos participantes da xuntanza celebrada en Oslo

proxeto europeo Safeway, liderado pola Universidade de Vigo e financiado con 4,5 millóns de euros, busca a creación dunha rede europea de estradas e infraestruturas ferroviarias máis seguras. Posto en marcha hai apenas un ano –está no mes 14 dun total de 42 de duración estimada-, o equipo responsable deste traballo reuniuse recentemente nas instalacións dun dos socios do proxecto, o Instituto Xeotécnico Noruego (Oslo), para pór sobre a mesa os avances acadados e definir a folla de ruta para os vindeiros meses. Como principais avances conseguidos neste primeiro ano de traballo destacouse que lograron mapear os eventos extremos máis recorrentes de carácter anual para o continente europeo e, xunto con isto, definiron as principais metodoloxías para estimar o risco e cuantificar a vulnerabilidade das principais infraestruturas a eventos extremos, tanto naturais como aqueles provocados pola acción humana.

“Primeiro fíxose unha análise dos inventarios, bases de datos e mapas GIS, dispoñibles tanto para o continente europeo, como específicos dos catro países nos que se levarán a cabo probas piloto do proxecto: Portugal, España, Reino Unido e Holanda”, explica Belén Riveiro, coordinadora do proxecto xunto a Pedro Arias, investigadores ambos do Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo. Nesta liña, os eventos con maior impacto identificados polos xestores das infraestruturas involucrados no proxecto foron: inundacións, incendios forestais, mapas de risco de vento e temperatura, corrementos de terra e terremotos. “Esta información cruzouse con mapas de clima actual e previsións futuras e isto permitiunos crear mapas dinámicos para as zonas de estudo do proxecto”,  engadiu a coordinadora do proxecto.

Ler a noticia completa no DUVI