A Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía comeza o seu Mes Cultural para festexar Santa Bárbara

Inclúe actividades deportivas, lúdicas e culturais e a tradicional carreira popular, o día 29

O programa iniciouse este mércores cun relatorio sobre patrimonio paleontolóxico e minaría
O programa iniciouse este mércores cun relatorio sobre patrimonio paleontolóxico e minaría

Como cada mes de novembro, a Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía somérxese de pleno na celebración da súa patroa, Santa Bárbara. Dende hoxe mércores e ata o vindeiro día 29 sucederanse unha serie de actividades culturais, lúdicas, deportivas e tamén gastronómicas organizadas pola Delegación de Alumnado. Un dos seus representantes, Santiago Domínguez Blanco, estudantes de 3º do grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos, explica que nas próximas semanas terán lugar varios relatorios que teñen como finalidade “dar a coñecer máis de preto as investigacións que realiza do profesorado da escola”. A primeira destas palestras tivo lugar este mércores cos profesores José Bienvenido Diez e Manuel Juncal, do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio, que falaron sobre patrimonio paleontolóxico e minaría.

Pero unha das citas máis senlleiras da celebración da patroa da EEME é a carreira popular Santa Bárbara, que este ano chega á súa décima edición. A probra terá lugar o vindeiro 29 de novembro ás 12.30 horas nas instalacións deportivas do campus vigués e, para participar, a inscrición pode facerse ata o 22 deste mes a través da plataforma deporxest.

O día antes da carreira, o 28, como apunta Domínguez, celebrarase “unha churrascada popular, cun prezo de 5 euros, así como torneos de tute e escoba”.

Ler a noticia completa no DUVI