Minas e Enerxía lanza un curso para aprender a sacarlle o máximo partido fotográfico aos smartphones

Nos últimos anos, os móbiles convertéronse en ferramentas cotiás e as súas utilidades conseguiron que a vida dos cidadáns fora moito máis sinxela e que dende calquera lugar se poidan facer millóns de cousas. Conscientes desta realidade a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía organizou para este cuadrimestre o curso de Fotografía con Smartphone, unha actividade pensada para que as persoas que asistan poidan aprender a sacarlle o máximo proveito fotográfico aos seus teléfonos intelixentes.

Dende a organización aseguran que ademais de coñecer as súas cualidades debemos estar “preparados para realizar boas capturas co teléfono” e “sacarlle todo o seu partido”, pois, na maioría dos casos, sen sabelo, as persoas posúen un móbil con características moi superiores ás de moitas cámaras. A xente interesada que queira inscribirse ten ata o martes 26 para enviar un correo electrónico ao enderezo eme@uvigo.gal. A selección dos participantes farase por orde de inscrición ata un máximo de 15 alumnos e alumnas. O curso comezará o 29 de outubro no vestíbulo da escola e continuará os días 5 e 12 de novembro. Será totalmente de balde, en modalidade presencial e con horario de tarde para facilitarlle ao público a asistencia.

Ler a nova completa no DUVI.