A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (EME) da Universidade de Vigo é un centro universitario onde se imparten o Grao en Enxeñaría da Enerxía, o Grao en Enxeñaría de Minas e Recursos Enerxéticos e o Máster universitario en enxeñaría de minas, todas titulacións únicas do sistema universitario de Galicia

O noso papel na sociedade

Un dos obxectivos da Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible é Garantir o acceso a unha enerxía accesible, segura, sostible e moderna para todos». Pero a produción e o consumo de enerxía representan preto do 60 % das emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro. Conseguir unha solución equilibrada entre garantir o acceso universal aos servizos enerxéticos para todas as persoas e limitar os efectos que a produción e o uso da enerxía teñen sobre o clima é un reto de tal magnitude que xustifica que o sistema enerxético constitúa unha das prioridades da axenda científica, política económica e social dun país.

Cómpre, pois, formar profesionais conscientes da magnitude e da relevancia deste reto, que comprendan as súas implicacións e complexidades, e sexan capaces de afrontalos cunha visión moderna e innovadora. Para dar resposta a esta necesidade impártese o Grao en Enxeñaría da Enerxía, único grao en Galicia que forma especialistas no ámbito da enxeñaría enerxética. Formamos enxeñeiros e enxeñeiras capaces de deseñar, optimizar e dirixir tecnicamente os procesos tecnolóxicos asociados a todo o proceso: desde a xeración de enerxía ata o nivel de usuario final de enerxía térmica ou eléctrica (produción, almacenamento, transporte, distribución, mercados). E no contexto actual cobra especial relevancia a formación en dúas áreas: (i) tecnoloxías de xeración de enerxías renovables (eólica, fotovoltaica, solar, xeotérmica, hidroeléctrica, mareomotriz, undimotriz, biomasa e biocombustibles, entre outras) e (ii) procesos tecnolóxicos asociados á eficiencia enerxética. Por este motivo, modificamos e actualizamos o plan de estudos para recoller a formación neles.

Para acadar estes obxectivos en materia de política enerxética é necesario contar coas materias primas coas que fabricar e construír a tecnoloxía asociada (aeroxeradores, placas fotovoltaicas, vehículos eléctricos, pilas de combustible, por citar as tecnoloxías máis ilustrativas). E, por outra banda, a dixitalización dos procesos industriais, un dos selos da industria actual, precisa tamén de materias primas coas que fabricar as tecnoloxías asociadas ás TIC.

Polo tanto, é necesario contar con enxeñeiros e enxeñeiras que coñezan: (i) os usos dos recursos mineiros e os procesos tecnolóxicos asociados á súa busca e extracción e (ii) os procesos tecnolóxicos asociados á súa transformación para obter as materias primas necesarias para fabricar as tecnoloxías antes mencionadas.

Para dar resposta a estas necesidades, ofrecemos o Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos, único grao do sistema universitario galego que forma técnicos e técnicas en dúas especialidades: (i) enxeñaría de recursos mineiros e (ii) enxeñaría de materiais. Este título está declarado único e habilita para a profesión regulada de enxeñeiro/a de minas e enxeñeiro/a técnico.

As nosas instalacións

No ano 2003 construíuse o actual edificio que alberga a EME da Universidade de Vigo, obra dos arquitectos César Portela, Gabriel Santos Zas e César Padrón Conde, e que resultou finalista do II Premio ENOR de Arquitectura. As necesidades do centro marcaron a súa síntese formal, estruturándose en tres pezas lineais prismáticas que se corresponden coa área das aulas, laboratorios e despachos. Esta morfoloxía lineal e as rotacións entre os tres módulos permítenlle adaptarse á orografía do terreo e crear unha perfecta harmonía co medio.

EME

O noso selo de identidade

Formamos enxeñeiros e enxeñeiras

Formamos profesionais capaces de dar resposta a problemas específicos da empresa e da sociedade, a condición de que estas solucións tecnolóxicas sexan sostibles. Isto tradúcese nunha formación que vai máis aló do simple estudo dos procesos tecnolóxicos, tratando en profundidade aspectos relacionados coa economía, a empresa, o medio ambiente, a seguridade e a saúde.

Ademais, a formación dos enxeñeiros e enxeñeiras obriga a estar en contacto permanente coa industria, coñecer as súas necesidades e as últimas tecnoloxías. Por iso, a escola mantén unha relación permanente de colaboración co tecido industrial e empresarial das nosas zonas, que se traduce en prácticas externas e numerosas visitas a instalacións industriais por parte do alumnado, para coñecer os procesos tecnolóxicos in situ. A colaboración das empresas tradúcese no financiamento de equipamento de espazos docentes, premios e bolsas, realización de obradoiros, seminarios e conferencias e ofertas de emprego.

Prácticas en empresa

As prácticas en empresas representan o primeiro contacto do estudantado co lugar de traballo. Esta actividade proporciona unha visión e unha experiencia de enorme valor para o exercicio profesional, e ofrece a oportunidade de familiarizarse co contorno onde se poden aplicar os coñecementos adquiridos no ámbito académico. A escola conta con máis de 50 convenios con empresas de sectores directamente relacionados co ámbito profesional das titulacións do centro. Esta relación activa permítelle ao estudantado mellorar a súa formación e posibilita a súa integración nunha empresa con diferentes departamentos nos que centrar o seu futuro profesional.

Saídas de campo e visitas ás instalacións

As visitas ás instalacións e as saídas ao campo concíbense como un recurso didáctico de grande interese para fortalecer a relación entre o coñecemento conceptual e a súa aplicación práctica.

Mobilidade estudantil

A EME aposta pola mobilidade do estudantado, xa que lle permite mellorar a súa formación incorporando aos seus estudos unha visión cultural e académica diferente. Esta actividade é unha oportunidade de crecemento persoal e académico que dá un valor engadido á formación universitaria.

A mobilidade estudantil da EME céntrase nos programas Erasmus+ (Europa), GE4 (Asia), ISEP (EUA), SICUE (España) e nos convenios propios da UVigo (Suramérica) no marco de convenios con máis de 30 universidades.

Plan de internacionalización

Non podemos perder de vista que os nosos enxeñeiros e enxeñeiras van desenvolver a súa actividade profesional nun contexto internacional, por iso ofrecemos un Plan de internacionalización que permite que o alumnado curse, se así o desexa, dez materias do plan de estudos integramente en inglés. Ademais, traballamos activamente para facilitar as estadías de mobilidade no estranxeiro para estudantado e profesorado, establecendo acordos con universidades e centros de investigación de todo o mundo.

Programa de mentoría

A mentoría é unha estratexia pedagóxica recente que pretende facilitar a incorporación do estudantado á universidade. Na EME contamos cun programa de mentoría especialmente pensado para o novo estudantado, para que sexa guiado por outro con máis experiencia, que coñeza de primeira man os problemas e as dificultades para ingresar na universidade e estea disposto a axudar, apoiar e orientar as decisións no contexto universitario.

Novas tecnoloxías e infraestruturas

Actualmente, o desenvolvemento continuo de dinámicas multimedia e interactivas en plataformas de aprendizaxe electrónica estendeuse no contexto universitario. Así, dende a nosa escola recoñecemos as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías, polo que é práctica habitual combinar unha parte fundamental da docencia na EME co uso das novas tecnoloxías.

Debido á crecente incorporación das TIC, existen os espazos e os medios necesarios para a súa implantación con laboratorios especializados, dotados de equipos de última xeración, e laboratorios de informática dotados de software específico e de simulación. Se esta actividade na nosa escola de enxeñaría é relevante, non podemos esquecer as diferentes necesidades do alumnado, polo que apostamos pola integración de ferramentas e de materiais con servizos propios como o préstamo de portátiles, a sala de gravación, a sala de videoconferencia, a sala de descanso etc.

Asociacións estudantís

A asociación de estudantes da EME é o ambiente idóneo para que o estudantado poida cultivar as súas relacións persoais cun grupo de apoio que coñece a vida universitaria, desenvolvendo as súas habilidades creativas no contexto universitario e gozando das múltiples actividades que se organizan tanto dentro da escola coma na universidade. A EME apoia e promove a creación, o desenvolvemento e a participación de asociacións de estudantes de diversa índole, xa que permite enriquecer a escola coas diferentes inquietudes do noso alumnado. A súa participación activa en todas as actividades que xorden do centro e a organización de moitas delas dende as súas asociacións de estudantes (delegación de estudantes, Club Deportivo de Enerxía e Minas, cartel de Minas) é un trazo distintivo que nos anima a seguir apoiándoas cada ano.

Igualdade

Queremos destacar, como selo de identidade do centro, a nosa aposta pola construción de valores igualitarios, organizando numerosas actividades dirixidas ao alumnado e ao profesorado do centro, así como ao alumnado de primaria, secundaria, bacharelato e titulados/as. Actividades con diferentes obxectivos: sensibilización en materia de igualdade, fomento das vocacións no ámbito das disciplinas STEAM e, concretamente, na enxeñaría, orientación e acompañamento das mulleres na súa actividade profesional, entre outras.

O nosa comunidade universitaria

O tamaño do centro facilita as relacións interpersoais entre todos os colectivos que conforman a comunidade universitaria: estudantado, profesorado e persoal de administración e servizos. Isto é especialmente relevante na relación entre o alumnado e o profesorado, o que permite unha atención detallada ao alumnado no proceso de aprendizaxe.

Formación integral

Por último, queremos contribuír á formación integral do noso alumnado complementando a súa formación académica. Por iso, organizamos numerosas actividades extraescolares: voluntariado, actividades deportivas e culturais, e tratamos de implicalas o máximo posible na vida académica do centro e na toma de decisións dende os espazos deseñados para tal fin.

Empregabilidade

Os titulados e tituladas son moi recoñecidos polos empresarios e empresarias, valorando positivamente, ademais das competencias específicas, a formación multidisciplinaria, que proporciona valores como a capacidade de aprender en novos contextos e con outros e outras profesionais, e o traballo en equipo.

Grao en Enxeñaría da Enerxía

A partir dos resultados do «Estudo sobre empregabilidade e RRHH no sector enerxético: perfís máis demandados e situación actual e futura das empresas do sector», un informe realizado por Adecco Energéticas, en colaboración coa Asociación Española de Mulleres en Enerxía (AEMENER) en 2020, a partir de enquisas a empresas do sector enerxético. O perfil máis demandado nas empresas enerxéticas é o dos enxeñeiros/as (65 %). E o 56 % das empresas consultadas nesta enquisa consideran que dentro de cinco anos necesitarán un maior volume de contratación.

Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos

No proxecto «Rendemento académico e graduación das mulleres nos graos de enxeñaría da Universidade de Vigo» realizouse unha enquisa a persoas egresadas, homes e mulleres, e obtívose que, con datos de novembro de 2019, o 67 % das persoas tituladas está en activo. Ademais, das persoas en activo, o 67 % das persoas egresadas atopou o seu primeiro emprego aos seis meses de rematar os seus estudos e o 100 % traballa a tempo completo. En canto ao tipo de traballo que realiza dentro do sector, o 33 % está a traballar en actividades de I+D. E outro dato importante: o 55 % valora o seu grao de satisfacción co seu traballo con máis de 9 sobre 10 e o 100 % valora este grao de satisfacción con máis de 6.