O Observatorio Eólico de Galicia publica unha guía práctica para asesorar as comunidades rurais nos procesos negociadores coas empresas

Contén información sobre as rendas que se están a pagar actualmente e a súa fiscalidade

O libro tenta colaborar en que os galegos tiren os mellores proveitos dun recurso importante: o vento

O sector eólico galego conta xa coa súa propia guía práctica, un documento elaborado polo Observatorio Eólico de Galicia, OEGA, coa colaboración da Fundación Juana de Vega e a Fundación Isla Couto, no que as comunidades rurais poden atopar un instrumento de grande utilidade para pórse ao día dos aspectos máis relevantes que deben coñecer á hora de afrontar os procesos negociadores coas empresas promotoras, incluíndo unha proposta de contrato tipo para o arrendamento de terreos eólicos no que se incorporan algunhas cláusulas fundamentais para garantir a protección dos propietarios e propietarias de terreos afectados por parques eólicos.

O traballo foi realizado baixo a dirección do profesor Xavier Simón, responsable do OEGA, e da profesora María Montero, membro do grupo rede e da agrupación estratéxica Ecobas, ambos da Universidade de Vigo, e conta tamén coa participación dos profesores Damián Copena, da Universidade de Oviedo, e David Pérez-Neira, da Universidade de León. A guía actualiza os contidos dunha primeira monografía publicada xa no ano 2010 polo Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia (GIEEAH) da Universidade de Vigo, liderado por Simón. “Os cambios normativos experimentados nos últimos anos e os recentes procesos de relanzamento de parques eólicos coa posta en marcha de novas centrais e coa existencia de moitas outras en procedemento administrativo de autorización, facían necesaria a actualización do seu contido e a publicación dunha nova guía”, explican os docentes na introdución do libro. “O máis importante deste traballo está por chegar… ou iso agardamos: a súa utilidade para dar resposta a algunha das inquedanzas das comunidades rurais”, subliña Simón.

Ler a nova completa no DUVI