A exposición permanente “Manuel de Sas de la Encina” xorde da doazón á Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da colección de minerais e de pedras preciosas por parte das persoas herdeiras de D. Manuel Sas de la Encina, socio fundador do hospital Povisa S. A. Esta colección, ata este momento, estivo accesible nas instalacións do citado centro hospitalario.

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía conta ademais con exemplares de rochas e de minerais procedentes de fondos propios, doazóns de particulares, exemplares recollidos por estudantes do centro e pezas da Sociedade Mineralóxica Galega; exemplares que, coa finalidade de completala e de enriquecela, se integran dentro desta colección.

A colección concíbese como un instrumento dinamizador do ensino de rochas e de minerais no ámbito universitario, e constitúe un recurso didáctico valiosísimo para incentivar o traballo do alumnado nas sesións prácticas de materias relacionadas con recursos minerais. Atendendo á responsabilidade da universidade coa sociedade na creación e na transmisión de coñecemento, esténdese o uso desta colección como un recurso didáctico e divulgativo para a sociedade en xeral. Trátase, polo tanto, dunha colección aberta á sociedade en xeral, para estudantes de todos os niveis académicos, desde primaria ata o ámbito universitario, para calquera persoa interesada, independentemente da súa formación e idade, para persoas curiosas e inquedas.

Esta exposición nace ademais cunha clara vontade de crecer. Concíbese como unha exposición dinámica, que se enriquecerá non só coa incorporación de máis exemplares, senón tamén coa realización de actividades que teñen como recurso central os exemplares da colección. Entre estas actividades cabe citar a realización de talleres de recoñecemento de rochas e de minerais, o museo virtual de rochas e de minerais, charlas monográficas e convocatorias de premios e de concursos.

O traballo de catalogación de exemplares e de mantemento da colección é responsabilidade da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, que conta co asesoramento do grupo de investigación docente Xeoda, formado por profesorado e por persoal investigador do centro. Este grupo ten, entre outros obxectivos, divulgar coñecemento no ámbito das ciencias da Terra.

Descrición da exposición | Making off da exposición | Galería fotográfica