Filoloxía e Tradución e Enxeñaría de Minas e Enerxía reivindican as mulleres das letras e da tecnoloxía

Aínda que o acto institucional de celebración do Día Internacional da Muller na Universidade de Vigo será mañá martes, neste 8M foron varios os centros do campus de Vigo que se sumaron ás celebracións. Entre eles, a Facultade de Filoloxía e Tradución, que lanzou unha serie de vídeos sobre mulleres senlleiras do eido das letras, e a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, que ademais dun relatorio sobre o papel das mulleres neste campo profesional, tamén fixo entrega dos premios do concurso Mulle_Rme.

Mulleres de letras que fixeron historia

“Fálase con certa frecuencia de mulleres de ciencia que fixeron grandes descubrimentos, como Marie Curie o Rosalinde Franklin, pero non é habitual oír falar de mulleres de letras que fan tales cousas”, reflexiona a vicedecana de Comunicación, Captación e Diversidade da Facultade de Filoloxía e Tradución, Inmaculada Anaya, e unha das impulsoras de Mulleres de letras que fixeron historia, unha iniciativa coa que o centro celebra o 8M, ao tempo que dá a coñecer os seus recursos. A través de catro vídeos, dedicados a Louise Glück, Emilia Pardo Bazán, Xela Arias e María Moliner, e un concurso nas redes, no que calquera persoa poderá elixir, de entre unha trintena de mulleres dos ámbitos da filosofía, historia ou literatura de todas as épocas e nacionalidades, aquela que considere máis relevante, a FFT procura unha celebración do Día internacional da muller especial, ao tempo que reivindica “a necesidade de que estes estudos sigan a ser un pilar fundamental na Universidade e da sociedade, en xeral”, explica Anaya.

Ler a nova completa no DUVI