O Máster Interuniversitario en Xestión Sostible da Auga enmárcase dentro do catálogo de novas titulacións G2030 do Sistema Universitario de Galicia (SUG), identificadas como indispensables para a formación de perfís profesionais de futuro que permitan dar resposta ás necesidades e esixencias sociais e laborais dos próximos anos e situar á sociedade galega nunha mellor posición para afrontar os seus retos de futuro.
A auga é un recurso finito esencial para o desenvolvemento económico, a saúde e o benestar do ser humano. A nivel global, factores como: (i) a presión demográfica, (ii) o desenvolvemento económico asociado ás demandas crecentes da agricultura, a industria e a enerxía, (iii) a urbanización, (iv) as transformacións nos estilos de vida e os patróns de consumo, ou (v) o cambio climático e a degradación medioambiental, están a pór en grave perigo a súa dispoñibilidade futura. O papel preponderante da auga no crecemento económico e a sustentabilidade medioambiental está a converter a este elemento no eixo central dos maiores retos mundiais de futuro e nunha das principais preocupacións da sociedade e os gobernos. Nos próximos anos, aspectos como o aforro, a desalinización da auga do mar, a captación e a almacenaxe da auga pluvial, a reutilización da auga e a descontaminación dos acuíferos unidos a unha axeitada planificación hídrica e ao uso das novas tecnoloxías para a análise integrada de datos e a mellora do procesamento da auga serán críticos para desenvolver unha xestión sostible deste recurso, aliñada, entre outros, coas esixencias do Directiva Marco da auga e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
Os egresados deste mestrado poderán facer fronte a estes restos desenvolvendo a súa carreira como técnicos, responsables ou expertos en xestión da auga en empresas de xestión, abastecemento, tratamento e valorización da auga, estacións depuradoras, laboratorios de análise da auga, organismos públicos e outras organizacións con competencias en augas, empresas de enxeñaría e consultoría ambiental, departamentos de medio ambiente do sector produtivo, centros de I+D+i na área de recursos hídricos, institucións educativas, etc.
O Máster Interuniversitario en Xestión Sostible da auga preséntase como un mestrado oficial conxunto impartido pola ETS de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos de A Coruña (UDC), a ETS de Enxeñaría de Santiago (USC) e a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía de Vigo (UVIGO). O programa de estudos consta de 90 ECTS a desenvolver en tres cuadrimestres. Os contidos formativos están organizados en 6 módulos temáticos:
- Módulo 1: Gobernanza da auga. 9 ECTS
- Módulo 2: Auga Urbana. 9 ECTS
- Módulo 3: Enxeñaría de procesos. 12 ECTS
- Módulo 4: Xestión dos Recursos Hídricos. 21 ECTS
- Módulo 5: Análise de Datos. 9 ECTS
- Módulo 6: Prácticas Externas e Traballo Fin de Máster. 12 + 18 ECTS
Máster Universitario en Xestión Sostible da auga pola Universidade de A Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo
Ámbito de coñecemento: Arquitectura, construción, edificación e urbanismo e enxeñaría civil
Centro onde se imparte: Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía
Tipo de ensino: Presencial. Debido ao seu carácter interuniversitario, a actividade docente terá lugar nun centro e ao mesmo tempo de forma virtual noutro. As universidades participantes porán medios a disposición dos alumnos para que o ensino sexa estritamente presencial cando isto sexa necesario (docencia de carácter práctico/experimental).
Núm. de prazas de novo ingreso ofertadas: 10 prazas por cada unha das universidades
Idiomas nos que se imparte o título: Galego e Castelán
Núm. de créditos ECTS: 90 (36 Obrigatorios / 24 Optativos / 12 Prácticas / 18 TFM)
Coordinador/a do título: María Araújo Fernández
Contacto: maraujo@uvigo.gal
Requisitos de acceso
Os estudantes que queiran ser admitidos no título deberán estar en posesión dun Grao Universitario ou titulación equivalente. Este mestrado está dirixido principalmente a profesionais do ámbito da xestión da auga e a titulados da rama de enxeñaría e de ciencias que queiran desenvolver laboralmente neste campo. Será necesario acreditar un nivel B1 ou equivalente de inglés.
Admisión en estudos de mestrado
A admisión levará a cabo en cada unha das universidades, a través dos procedementos establecidos pola Comunidade Autónoma e as propias universidades implicadas.
Información de Apoio ao Estudante
Toda a información no apartado Orientación ao estudantado
Matrícula
Nas aplicacións (e os prazos) de matrícula estipulados por cada unha das tres universidades implicadas.
Máis información no apartado Matrícula