Máster en Enxeñaría de Minas

O Máster Universitario en Enxeñaría de Minas pola Universidade de Vigo habilita para a profesión regulada de Enxeñeiro/a de Minas. A mellor forma de coñecer que formación achega este título académico é achegarse á profesión de Enxeñeiro/a de Minas: en que ámbitos traballa e como desenvolve a súa actividade profesional.

A explotación de recursos minerais e a garantía dunha subministración adecuada de produtos minerais a prezos aceptables é a base indispensable de calquera nación industrial moderna. A demanda de minerais de todo tipo é maior hoxe que nunca e continúa aumentando a medida que as nacións se esforzan por mellorar o seu nivel de vida. É por tanto tarefa da industria mineira ofertar á Humanidade os minerais e materias primas para cubrir esas necesidades. Por iso a explotación de recursos minerais é e seguirá sendo esencial para a Sociedade, dado que os produtos derivados da mesma son imprescindibles para satisfacer as súas necesidades básicas.

Neste contexto ao Enxeñeiro de Minas compétenlle a exploración, investigación, explotación, beneficio, elaboración, transformación e utilización dos recursos naturais non renovables na Terra (rocas e minerais, augas subterráneas, augas minerais e termais, petróleo, gas natural) e outros recursos xeolóxicos, como o espazo subterráneo, actividades todas elas que han de levarse a cabo de forma segura, rendible e ambientalmente compatible. Ademais, os seus coñecementos como especialista en arranque e fragmentación mediante o uso de explosivos convérteno nun técnico adecuado para traballar nas actividades relacionadas co movemento de terras e a execución e control de obras subterráneas.

Dentro das actividades profesionais propias do Enxeñeiro de Minas, atópanse tamén o aproveitamento e transformación de todo tipo de recursos enerxéticos. O Enxeñeiro de Minas coñece tamén as tecnoloxías propias dos materiais metálicos, cerámicos, polímeros e compostos, desde a súa obtención ata o seu uso na industria, así como as técnicas siderometalúrxicas, sendo capaz de deseñar o material adecuado a cada aplicación e de fornecer ás industrias da construción e bens de equipos as materias primas que demandan.

No ámbito da industria mineira, o campo de actividade profesional do Enxeñeiro de Minas comprende a avaliación, planificación e explotación de xacementos minerais e o deseño e a práctica de procesos de transformación física e química dos minerais para obter os produtos minerais. O Enxeñeiro de Minas executa estas tarefas en base a un coñecemento das características xeolóxicas, mineralóxicas, físicas e químicas do xacemento a explotar e da súa contorna xeográfica, xeolóxica, climática e social, seleccionando as tecnoloxías que garantan os custos máis baixos de capital e operación, a máxima produtividade e a recuperación das substancias contidas no mineral cunha calidade óptima. Todo iso asegurando ademais a seguridade e saúde dos traballadores e as normas de protección, restauración, rehabilitación e conservación do Medio Ambiente. Debido á complexidade dos proxectos mineiros e a gran cantidade de factores, variables e actores que conflúen no mesmo, o Enxeñeiro de Minas desenvolve a súa actividade en equipos multidisciplinares. Pero é ao Enxeñeiro de Minas a quen corresponde darlle a un proxecto mineiro a dirección tecnolóxica integradora necesaria para coordinar todas as operacións, produtivas e de apoio, en función de obxectivos de negocio claramente definidos pola empresa mineira.