Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

Crea o teu equipo mineiro

construe 2018

Desde a Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía (EME), convidamos o alumnado de 3º e 4º da ESO, bacharelato, ciclos formativos e universidade a asumir o reto lanzado co I CONCURSO: CONSTRÚE E COMPITE CO TEU EQUIPO MINEIRO, no que se poñerán a proba enxeño e creatividade, así como coñecementos en tecnoloxía eléctrica, electrónica, mecánica e hidráulica.

O obxectivo principal desta competición é visibilizar e traballar as diferentes disciplinas técnicas que entran en xogo á hora de deseñar maquinaria específica e de grandes dimensións que se emprega nas operacións vinculadas á actividade mineira e obra civil. O deseño e selección das características deste tipo de maquinaria están totalmente condicionados e vinculados ao terreo natural que manipulan ou sobre o que traballan. Así, a capacidade de arranque do equipo terá que adaptarse á dureza ou compacidade do material; as súas dimensións, á necesidade dun arranque selectivo e o seu sistema de translación, ás características do terreo sobre o que se move.

BASES DO CONCURSO

 

DATAS DO CONCURSO

  • Data límite de inscrición: 28/01/2019
  • Data límite de confirmación: 15/02/2019
  • Data da competición: 05/04/2019

 

PROBAS DA COMPETICIÓN

  • Proba principal: Esta proba consistirá en transportar certa cantidade de area desde unha provisión Á unha provisión  B, podendo seleccionar entre vías alternativas de diferentes características (pendente, radio de curvatura, tipo de rodadura), no menor tempo posible.
  • Probas alternativas: No mesmo circuíto realizaranse probas de velocidade, carga e adaptabilidade ao terreo e todo tipo de sorpresas “xeolóxicas”. A creación gañadora do Premio á versatilidade será a que obteña a media máis alta das puntuacións obtidas en cada unha das probas alternativas propostas.

 

XURADO

O xurado estará conformado por:

  • Un/a especialista no ámbito do movemento de terras ou deseño de maquinaria mineira.
  • Un membro do Persoal Docente e Investigador da Universidade de Vigo.
  • Dous alumno/as (un/a por grao impartido na EME).

 

PREMIOS

Premio proba principal

  • Primeiro premio: diploma e cheque por un valor de 300 € para trocar por material escolar para o centro educativo.
  • Segundo premio: diploma e cheque por un valor de 150 € para trocar por material escolar para o centro educativo.
  • Terceiro premio: maqueta equipo Caterpillar

Premio probas alternativas

  • Primeiro premio: diploma e cheque por un valor de 300 € para trocar por material escolar para o centro educativo.
  • Segundo Premio: diploma e cheque por un valor de 150 € para trocar por material escolar para o centro educativo.
  • Terceiro premio: maqueta equipo Caterpillar.

 

A presentación da ficha de inscrición poderase realizar de maneira presencial ou mediante correo postal á Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía, Universidade de Vigo, Campus de Vigo, 36310, Vigo (Pontevedra), ou vía telemática enviándoa ao correo , ata o 28 de xaneiro de 2019.