fbpx
Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

O Foro Tecnolóxico de Emprego acada a súa maioría de idade

Máis dun cento de alumnas e alumnos organizan o evento, que se celebrará do 7 ao 9 de marzo

O Foro Tecnolóxico de Emprego acada estre ano súa maioría de idade. Como vén sendo habitual nas últimas edicións, a cita, que terá lugar entre os días 7 ao 9 de marzo, será no vestíbulo da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, onde se levarán a cabo novas iniciativas para axudar ao alumnado das tres enxeñarías do campus (Minas e Enerxía, Industrial e Telecomunicación) a dar os seus primeiros pasos no mercado laboral. Entre as principais novidades, destaca a celebración do que a organización denomina como unha “táboa redonda”, un coloquio onde emprendedores novos contarán como crearon as súas empresas, de maneira que os futuros enxeñeiros e enxeñeiras poidan achegarse ás experiencias de antigos estudantes que, coma eles, tiveron que abrirse paso na busca de emprego no ámbito tecnolóxico.

O Foro Tecnolóxico de Emprego acada a súa maioría de idade
Ler máis...

O futuro das ciencias da terra reúnese no campus na fase provincial da Olimpíada de Xeoloxía

Participan 80 mozos e mozas de ESO e Bacharelato

A composición química do xeso, as lavas ácidas dun volcán, o nome dos depósitos de sedimentos de orixe glaciar, a zona da península ibérica con maior risco sísmico ou cando tivo lugar a extinción dos dinosauros. Estas cuestións relacionadas coas ciencias da terra son un exemplo dos contidos que se inclúen nas probas da Olimpíada de Xeoloxía, que este mércores celebrou no campus de Vigo a súa fase provincial, convocada pola Asociación Española para a Ensinanza das Ciencias da Terra e a Sociedade Española de Xeoloxía e o Colexio Oficial de Xeólogos. Un total de 80 mozas e mozos de 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato de sete institutos de Pontevedra participan ao longo da xornada na probas e exames que se desenvolven na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía. As dúas persoas con mellor puntuación clasificaranse para a fase nacional, que se celebrará en Segovia o vindeiro 17 de marzo.

O futuro das ciencias da terra reúnese no campus na fase provincial da Olimpíada de Xeoloxía
Ler máis...

Enxeñaría de Minas e da Enerxía lanza un premio para potenciar a imaxe máis sostible da profesión

Bautizado como I Premio de Restauración Sostible de Espazos Mineiros

É posible recuperar o espazo que deixa unha canteira en desuso? Podemos darlle algunha finalidade ao oco que deixa? Podemos integrala na contorna urbana ata convertela, por exemplo, nun lugar de lecer? Para dar reposta a estas cuestións a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía lanza o I Premio de Restauración Sostible de Espazos Mineiros, todo un reto para que o alumnado de ensino medio e universitario poña en práctica todos os seus coñecementos relacionados coas Ciencias da Terra e o Medio Ambiente e deseñe un proxecto que propoña unha solución viable, técnica, económica, social e medioambiental a partir do aproveitamento do oco dunha canteira, neste caso a de Richinol, no concello coruñés de Melide.

Enxeñaría de Minas e da Enerxía lanza un premio para potenciar a imaxe máis sostible da profesión
Ler máis...

Novo sistema de visión artificial capaz de clasificar as placas de lousa en función da súa calidade

Deseñado pola enxeñeira de Minas Carla Iglesias

Os xacementos de lousa que predominan en Ourense e se estenden por Castela e León son de importancia mundial e fan que España sexa o principal produtor e exportador de lousa ornamental. Durante os últimos trinta anos, a evolución do sector foi constante e a día de hoxe a maior parte dos labores, tanto en mina como en nave, están mecanizados, todos salvo o labrado, selección e clasificación das placas, que se fan manualmente dende hai medio século. Ata o de agora non se dispoñía de ningunha tecnoloxía desenvolvida abondo como para poder levar a cabo estas tarefas de clasificación de xeito automático, algo ao que lle pon solución a tese de doutoramento da enxeñeira de Minas Carlas Iglesias, un traballo no que a investigadora describe un novo sistema de visión artificial e aprendizaxe automática capaz de analizar as placas e decidir a súa calidade comercial, froito do cal se obtivo o Modelo de utilidade ES-1093606_U Sistema para la caracterización de placas de pizarra.

Novo sistema de visión artificial capaz de clasificar as placas de lousa en función da súa calidade
Ler máis...

Tres expedientes excelentes que se converten nunha axuda de 1000 para a estadía Erasmus

Andrea Nóvoa, Laura González e Natalia Rey recibiron hoxe martes as súas distincións

Ter un expediente académico excelente serviulles a Andrea Nóvoa, Laura González e Natalia Rey para que a súa estadía no estranxeiro cunha bolsa Erasmus sexa máis desafogada economicamente. Grazas ás súas cualificacións foron seleccionadas na convocatoria de bolsas Erasmus+ Gran Vía, unha iniciativa posta en marcha por este centro comercial, en colaboración coa Universidade de Vigo. O obxectivo é ofrecer unha axuda adicional ao alumnado que completa os seus estudos no estranxeiro baixo o paraugas do programa Erasmus+, amosando así o compromiso desta empresa coa responsabilidade social, facilitando o apoio en formación e cultura da poboación da contorna.

Tres expedientes excelentes
Ler máis...