Arranca a primeira edición totalmente virtual do Foro Tecnolóxico de Emprego con máis de 400 estudantes inscritos

O traballo que a organización da edición XXI do Foro Tecnolóxico de Emprego tivo nos últimos meses foi inxente. Se organizar unha feira deste tipo en modalidade presencial era un reto, pasar todas estas actividades, relatorios, mesas redondas, entrevistas, obradoiros e entrega de currículos a unha contorna virtual foi un verdadeiro desafío. Pero mostra de que o equipo organizador, formado por 39 estudantes das tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo –Minas e Enerxía, Industrial e Telecomunicación-, tivo éxito é que este mércores botou a andar a vixésimo primeira edición do foro que trata de servir como ponte para que o alumando do eido das enxeñarías teña o seu primeiro contacto co mundo profesional.

En total, nesta cita que se estende dende hoxe mércores ata o vindeiro venres, participan arredor de 40 empresas, entre as que se encontran as popularmente coñecidas como Big Four, as catro firmas con maior volume de facturación no sector da consultaría, como explica, Laura Andrés, estudante do Máster en Enxeñaría de Minas e coordinadora xeral desta edición. A pesar do cambio de modalidade e da crise derivada da pandemia da covid-19, a organización conseguiu manter nas cifras de edicións anteriores, co mesmo número de compañías que en 2020, que foi o ano que marcou o récord de participación. Así, empresas como R, Deloitte, Repsol, Coca-Cola, Feuga, Imatia e Optare Solutions seguen estando presentes nesta cita anual, e incorpóranse novas entidades como Emetel, especializada en proxectos de dixitalización de procesos de negocio e ciberseguridade, e KPMG, asesoría e consultaría.

Ler a nova completa no DUVI