Alumnado e empresas do ámbito das enxeñerías reencóntranse na 22ª edición do Foro Tecnolóxico de Emprego

Coa participación de preto de medio cento de empresas e asociacións e cunha combinación dos formatos presencial e virtual, este mediodía botou a andar a vixésimo segunda edición do Foro Tecnolóxico de Emprego. Ata o venres 11 de marzo as escolas de Enxeñaría de Minas e Enerxía, Industrial e Telecomunicación acollerán os postos das empresas e asociacións participantes, así como as conferencias e workshops que se desenvolverán ao longo desta edición, na que, á organización liderada por unha vintena de estudantes das tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo, se sumaron por vez primeira delegacións de alumnado das escolas de enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e Informática, de Ourense, e Enxeñaría Forestal, de Pontevedra.

Co obxectivo de facilitar o achegamento laboral dos futuros titulados e tituladas do ámbito das enxeñarías ás empresas e asociacións do sector, no Foro Tecnolóxico repiten este ano presenza firmas como Deloitte, Cortizo, Borgwarner, Repsol, Norvento Enerxía, PWC, Grupo Nueva Pescanova, ao tempo que se incorporan outras novas como a empresa holandesa T Talent, Huawei, Teltek, EFIMOB, DataSpartan, así como atlanTTic, o Centro de Investigación en Teconoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Tanto ás empresas, como ao alumnado organizador do evento agradeceu a súa presenza e traballo o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, que no acto de inauguración do Foro, celebrado este mediodía na EE de Minas e Enerxía, reivindicou a participación da Universidade de Vigo nunha sociedade mellor, na que cómpre enfrontar retos como o demográfico, a reindustrialización e a igualdade. “A UVigo ten moito que dicir porque a formación dos nosos egresados é moi boa, segundo os empregadores”, sinalou Reigosa, que destacou o traballo da institución por acadar a igualdade real, unha meta que lle pediu ás tituladas e titulados que o adopten como un ideal. O reitor incidiu na súa intervención na importancia que os fondos Next Generation terán para o futuro de Galicia, ao tempo que reivindicou a importancia da colaboración público-privada, a reindustrialización e a formación, incluída a que se imparte a través da Escola Aberta de Formación Permanente da UVigo cunha oferta de cursos de diferente duración, dependendo das necesidades da sociedade.

Ler a nova completa no DUVI.