A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía inaugura o primeiro espazo destinado á divulgación tecnocientífica da UVigo 

Estudo de contidos relacionados coa mecánica, o electromagnetismo, os fluídos e as ondas. Amosar de xeito interactivo a aplicación da intelixencia artificial no mundo da enxeñaría. Analizar as vantaxes da produción de biodiesel en comparación co combustible fósil convencional. Construír un muro de terra armada utilizando como único material resistente papel. Comprender o proceso de combustión a través de experiencias prácticas visuais ou detectar defectos internos a través da termografía infravermella. Estes son só algúns exemplos das actividades que poderán realizar as persoas que visiten a renovada Aula aberta á TecnoCiencia, que hoxe se inaugurou na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (EME) e que se converte no primeiro espazo dedicado especificamente á divulgación científico técnica dentro da Universidade de Vigo.

Estudantado de ESO, Bacharelato e FP, alumnado do Programa de Maiores e público en xeral son os destinatarios da Aula, que se localiza no segundo andar da EME, e que contará para a realización das súas actividades co apoio económico do Consello Social da UVigo. Aínda que as actividades de divulgación da Escola estábanse a desenvolver deste hai anos neste espazo, non foi ata o ano 2019 que se iniciou un proceso, coa colaboración da Área de Imaxe da UVigo, para reconverter unha simple aula nun espazo dotado e decorado con elementos visuais que aluden ás actividades que nela se desenvolven. A Aula conta co equipamento preciso para a realización de actividades manipulativas e cun equipo de 13 investigadoras e investigadores da EME, que axudarán ás persoas que a visiten a comprender os principios de determinados procesos de tipo científico e tecnolóxico, que están relacionados cos ámbitos de traballo das titulacións que se imparten no centro. 

Ler a noticia completa no DUVI