Impacto dos eólicos e tarifa eléctrica: OEGA organiza para este mes varias xornadas de debate

O Observatorio Eólico de Galicia, OEGA, organizou para este mes de xullo varias xornadas de debate en liña nas que,  a través da testemuña de especialistas en distintos ámbitos, se tratará de achegar luz sobre dúas cuestións que están en pleno centro do debate público: dunha banda, o impacto económico e ambiental dos parques eólicos e, da outra, a tarifa eléctrica diferenciada por territorios. As actividades arrancarán o venres 9 co ciclo Marco xurídico e enerxías renovables: o caso dos parques eólicos –que continuará os días 16 e 23 de xullo, en horario de 12.00 a 14.00 horas-. O outro seminario será o luns 12 e levará por título Unha tarifa eléctrica diferenciada por territorios? A participación en todas estas charlas é gratuíta e aberta ao público en xeral, previo rexistro na súa web.

Análise do impacto ambiental e sobre o territorio dos eólicos

Con respecto ao seminario sobre o marco xurídico das enerxías renovables, contarase coa participación de diferentes profesionais do Dereito, que afondarán no marco normativo co que a sociedade trata de dar resposta “en tempo e forma” aos retos que supoñen integrar “eficaz e equitativamente” os efectos sociais, económicos e ambientais dos parques eólicos. “O boom dos parques eólicos xerou moitas inquedanzas nas comunidades rurais, incluso bastante inseguridade debido á falta de información e á complexidade dos procedementos de autorización”, explica o profesor do Departamento de Economía Aplicada Xavier Simón, director do OEGA, quen fai fincapé en que esas inquedanzas e inseguridades obsérvanse sobre todo no ámbito da planificación territorial, é dicir, nos efectos que os parques eólicos teñen sobre o territorio e os seus compoñentes, as persoas e a súa saúde, os bens ambientais e culturais e súa conservación, a paisaxe e a súa transformación… “Todo iso levounos a pensar en conformar paneis de expertos de primeiro nivel para poder xerar coñecemento de libre acceso que permita reducir aquelas incertezas e minguar a nosa ignorancia”, recalca Simón.

Ler a nova completa no DUVI.