Especialistas de cinco países debaten como mellorar a resistencia das principais infraestruturas atlánticas de transporte

Buscan un sistema capaz de anticipar e mitigar os efectos de eventos naturais extremos

Joaquín Martínez, José Matos, Belén Riveiro e Pedro Arias

Arredor de 40 especialistas chegados de cinco países (Reino Unido, Irlanda, Francia, Portugal e España) están a participar este martes na sede cidade da Escola de Enxeñería Industrial no obradoiro de lanzamento do proxecto Sirma, un traballo financiado pola Unión Europea con preto de dous millóns de euros e que ten como principal obxectivo a creación dun sistema ou conxunto de sistemas capaces de anticipar e mitigar os efectos de eventos naturais extremos, sobre todo inundacións e incendios forestais, nas principais infraestruturas atlánticas de transporte, incluídas tanto estradas como liñas ferroviarias.

“A maior parte do transporte de persoas e mercadorías na área atlántica realízase por ferrocarril e por estrada. O rendemento destas infraestruturas está afectado directamente por eventos naturais extremos e polos fortes procesos de corrosión que resultan da proximidade co océano Atlántico”, explicou na presentación da reunión a profesora Belén Riveiro, investigadora do Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo, que estivo acompañada na presentación polo reitor, Manuel Reigosa; o secretario da EEI, Pablo Izquierdo, e a concelleira e docente deste centro Ana Mejías, que acudiu á xuntanza en representación do alcalde de Vigo. Todos fixeron fincapé na importancia dun traballo que vela pola seguridade cidadá e que non sería posible “sen a implicación de tantos grupos de investigación traballando xuntos”, salientou Reigosa, quen recalcou a importancia das diferentes convocatorias de axudas á investigación da Unión Europea.

Ler a noticia completa no DUVI