Cine e documentais para dar visibilidade á presenza da muller nos ámbitos STEAM

Dous documentais e dúas películas nas que as mulleres son protagonistas activas en ámbitos relacionados coa tecnoloxía conforman a última aposta da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da UVigo para impulsar e dar visibilidade á muller nos ámbitos STEAM. O cine forum é, desta volta, a fórmula elixida pola dirección do centro para “espertar o espírito crítico no estudantado e empoderar ás alumnas que cursan disciplinas tecnolóxicas”, explica Teresa Rivas, docente e investigadora do centro, que conta co patrocinio da Unidade de Igualdade para desenvolver esta iniciativa.

O ciclo (In)visibilidade das mulleres steam na cinematografía arrancará este xoves 8 de abril a partir das 16.30 horas coa proxección no salón de actos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do documental Mercury 13, centrado no programa secreto deseñado para levar ao espazo á primeira muller astronauta e que foi abortado pola NASA. O 22 de abril o público poderá visionar a película Hidden figures, que narra a historia das tres primeiras mulleres afroamericanas en acadar grandes metas no seo da NASA. O segundo dos documentais do ciclo chegará o 5 de maio, Bombshell , no que a actriz e inventora Hedy Lamarr narra as súas vivencias, entre as que se inclúen o desenvolvemento das bases do sónar, o GPS, a wifi ou o bluetooth. O ciclo chegará ao seu fin o 19 de maio coa proxección de A muller e a montaña, a historia dunha muller islandesa que rexeita o apoio dos gobernos a megaproxectos que non respectan o medio ambiente e sobreexplotan os recursos.

Ler a nova completa no DUVI